Vodafone anunciou onte a súa nova oferta de tarifas converxentes e de produtos móbiles, unha serie de tarifas que estarán dispoñíbeis para a nova clientela – e tamén para as usuarias actuais que queiran cambiar aos novos plans – a partir do próximo 30 de xuño, e que destaca por ser moito máis sinxela e clara, ademais de resultar máis económica que as propostas actuais.
A nova oferta converxente de Vodafone simplifícase a catro tarifas converxentes que inclúen fibra de alta velocidade a 600 Mbps ou 1 Gbps, eliminando así a opción dos 300 Mbps, e dous plans de só móbil con datos ilimitados. Ademais, as tarifas móbiles de Vodafone yu, Big Yuser e Heavy Yuser, estrean novas características sen alterar o seu prezo actual.
Nova oferta converxente
As propostas converxentes inícianse nos 49 € mes, e se resumen no seguinte:
- Vodafone One Ilimitada Básica. Inclúe unha liña de móbil con chamadas ilimitadas e datos ilimitados a 10 Mbps de velocidade + fibra de 600 Mbps por 49 €/mes.
- Vodafone One Ilimitada Max. Inclúe unha liña móbil con chamadas ilimitadas e datos ilimitados a velocidade 5G + fibra 600 Mbps + Vodafone TV con 30 canles (ou un desconto de 5 € nos paquetes Seriefans, Familyfans, Serielovers ou Familylovers) + liña móbil con 200 minutos e 15 GB, ademais de decodificador de Vodafone TV por 55 €/mes.
- Vodafone One Ilimitada Dúo: inclúe 2 liñas móbiles con chamadas ilimitadas e datos ilimitados 5G + fibra 600 Mbps + Vodafone TV con 60 canles e paquetes de Vodafone TV con HBO e Amazon Prime ou con Disney+ + Amazon Prime, con decodificador de TV 4K por 70 €/mes.
En calquera destas tres novas tarifas, as usuarias poden aumentar a velocidade da fibra a 1 Gbps por 10 €/mes; ou solicitar unha liña adicional con 15 GB + 200 minutos por 10 €/mes; unha con datos ilimitados 10 Mbps e chamadas ilimitadas por 15 €/mes ou unha con datos ilimitados 5G e chamadas ilimitadas por 20 €/mes.
A tarifa converxente Vodafone Hogar Ilimitable tamén se simplifica, incluíndo dúas liñas móbiles con chamadas ilimitadas e datos ilimitados 5G + fibra 1 Gbps + Vodafone TV con decodificador 4K e 100 canles, ademais das suscricións a HBO Max, Disney+ e Amazon Prime e os servizos OneNumber e Secure Net Family por 90 €/mes. A este plan pódense engadir até 4 liñas adicionais ilimitadas 5G por 10 €/mes cada unha.
Hai que ter en conta que a calquera dos catro plans converxentes que vimos, pódense engadir de maneira flexíbel os seguintes servizos:
- Paquetes de Vodafone TV desde 5 €/mes.
- SuperWiFi para mellorar o servizo de WiFi por 6 €/mes.
- Decodificador Vodafone TV 4K Pro, con control por voz e Alexa integrado por 5 €/mes.
- WiFi 6 con SuperWiFi 6 por 9,99 €/mes.
Ademais, os novos plans de prezos continúan ofrecendo roaming en Estados Unidos, Europa e Reino Unido.
Novas tarifas de móbil
En canto á renovación dos plans de móbil, Vodafone simplifica a oferta para ofrecer dous plan ilimitados:
- Vodafone Ilimitada Básica. Inclúe datos ilimitados a 10 Mbps e chamadas ilimitadas por 25 €/mes.
- Vodafone Ilimitada Max. Inclúe datos ilimitados a velcoidade 5G e chamadas ilimitadas por 33 €/mes.
Ambas opcións permiten engadir paquetes de Vodafone TV na opción Vodafone TV sen decodificador.
Os plans Vodafone yu tamén reciben novidades, xa que a partir do 30 de xuño, manteñen o seu prezo, pero engaden datos ilimitados durante a fin de semana:
- Vodafone yu Big Yuser. Inclúe 20 GB + datos ilimitados na fin de semana + chamadas ilimitadas por 15 €/mes.
- Vodafone yu Heavy Yuser. Inclúe 30 GB + datos ilimitados na fin de semana + chamadas ilimitadas por 20 €/mes.
Todas estas tarifas móbiles tamén inclúen datos en roaming nos Estados Unidos, Europa e Reino Unido.