Samsung fai público o seu novo modelo robustecido Galaxy XCover6 Pro, que chega con 5G

Samsung vén de facer pública a nova versión do seu terminal robustecido, o Samsung Galaxy XCover 6 Pro, un dispositivo que se renova tanto externamente, con cambios no seu deseño, como no seu interior, onde nos atopamos diversas novidades na súa folla de especificacións.

O novo dispositivo de Samsung conta coa certificación IP68 de protección fronte a auga e pó, así como tamén co estándar MIL-810H, o que garante a protección fronte a condicións extremas, tanto de temperatura como de golpes e rabuñadas.

O Samsung Galaxy XCover6 Pro vén cunha pantalla LCD PLS de 6,6 polgadas, con resolución FullHD+ (2408 x 1’80 píxeles) e taxa de refresco de 120 Hz, que ademais o fabricante asegura que se pode usar sen problemas coas mans molladas ou con luvas.

No seu interior, incorpora o procesador Snapdragon 778G de Qualcomm, un dos máis habituais nas gamas medias, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis até 1 TB a través de tarxetas microSD. A cámara principal, traseira, está formada por dous sensores, un principal de 50 MP con f/1.8, e un secundario de 2 MP con f/2.2, mentres que a dianteira é de 13 MP con f/2.2.

A súa batería é extraíbel, algo pouco habitual hoxe en día, e dispón dunha capacidade de 4050 mAh, con carga rápida de 15W. En canto á conectividade, trátase dun modelo dual SIM, con capacidade de conexión 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.2, NFC, USB-C e jack de audio de 3.5 mm.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Samsung Galaxy XCover6 Pro chega ao noso país este mesmo mes de xullo por 599 € na súa versión estándar, ou por 609 € na versión Enterprise Edition.

Sobre o autor

Reply