O fabricante chinés Xiaomi comeza esta semana a comercialización da súa “Surface” no noso país, o novo portátil 2-en-1 Xiaomi Book S 12.4“, un modelo que se pode adquirir cunha importante oferta de lanzamento sobre o que será o seu prezo habitual.
O dispositivo está equipado cunha pantalla LCD de 12,4 polgadas, con resolución 2560 x 1600 píxeles (WQHD+, 244 píxeles por polgada), cunha relación de aspecto de 16:10, taxa de refresco de 60 Hz e un brillo de 500 nits, que ademais é capaz de reproducir o 100% da gama de cores DCI-P3 e está protexida mediante Corning Gorilla Glass ante pequenos golpes e rabuñadas.
O seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 8cx Gen 2, fabricado en 7 nanómetros e cunha velocidade máxima de 2,84 GHz, que vén acompañado de 8 GB de memoria RAM e memoria interna de 256 GB. A súa batería, de 5000 mAh, ofrece unha autonomía de uso de 13 horas, segundo datos do fabricante, e conta con carga rápida de 65W.
En canto á conectividade temos WiFi 5 e Bluetooth 5.1 na parte sen fíos, e portos USB-C e jack de 3.5 mm para audio na parte física. Dispón dun sistema de micrófono dual e dobre altofalantes de 2W cada un. Ademais, as súas cámaras son de 13 e 5 MP, para traseira e frontal respectivamente. O seu sistema operativo é Windows 11.
Dispoñibilidade e prezo
O Xiaomi Book S 12.4″ xa está dispoñíbel no noso país, onde se comercializará por 699,99 €, ao que deberemos de sumar 149,99 € da funda teclado, un elemento imprescindíbel para sacarlle todo o partido. Porén, as persoas que o adquiran hoxe poderán desfrutar dun desconto de 100 € no ordenador e de 50 € na tablet, quedando en 599,99 € e 99,99 €, respectivamente.
Pódese adquirir tanto na rede de tendas Mi Store como na web mi.com/es.