No último Google I/O 2022, celebrado o pasado mes de maio, Google anunciou a transformación de Google Pay en Google Wallet, un cambio que xa comezou a chegar ás usuarias en forma de actualización da aplicación.
Os cambios van moito máis aló dunha simple mudanza de nome e icona da app, dado que o obxectivo de Google é que sexamos quen de reemprazar a nosa carteira física, integrando nun mesmo sitio as tarxetas de débito e crédito, as entradas de eventos ou bonos de transporte, as tarxetas de embarque, as de fidelidade ou os certificados de vacinación.
Ademais, a nova aplicación tamén soporta a integración de chaves de coche dixitais e identificadores de estudantes, e xa traballa para que nun futuro poidamos levar o permiso de conducir ou as tarxetas de identificación (DNI), aínda que haberá que ver se esta funcionalidade pode ser universal ou queda limitada a un número reducido de países.
Tamén hai cambios no deseño, cunha interface moito máis sinxela no que se amosan as tarxetas de pago moito máis grandes e cun acceso directo máis visíbel para poder organizalas.
Aínda que, como xa avanzamos, o despregamento da nova aplicación está en marcha, quen non queira esperar pode descargar a aplicación desde APKmirror para instalala manualmente.