Microsoft anunciou esta semana a dispoñibilidade da Surface Laptop Go 2 no noso país. Trátase da evolución do portátil máis lixeiro e asequíbel da familia Surface de Microsoft, que xa se pode adquirir a través da Microsoft Store e das diferentes canles de distribución oficial da compañía.
O Surface Laptop Go 2 é o primeiro PC de núcleo seguro baseado en Intel da familia de dispositivos de Microsoft. Este sistema combina protección de identidade, virtualización, sistema operativo, hardware e firmware co obxectivo de evitar ataques complexos, creando unha capa extra de seguridade baixo o sistema operativo.
Na súa concepción, o Surface Laptop Go 2 foi deseñado para ofrecer as características premium da familia Surface nun formato ultra portátil e a un prezo máis competitivo, pensando na mobilidade das súas potenciais usuarias. Pesa tan só 1,12 quilogramos, e inclúe un procesador intel Core i5 de catro núcleos de 11ª xeración; unha autonomía que dura toda a xornada e carga rápida; unha pantalla táctil PixelSense de 12,4 polgadas e formato 3:2; un teclado cun trackpad de alta precisión; unha cámara HD f/2.0; dous micrófonos de alta sensibilidade Dual far-field Studio Mics; altofalantes Omnisonic con Dolby Audio Premium e, como sistema operativo, Windows 11.
Dispoñibilidade e prezo
O Surface Laptop Go 2 pódese mercar desde 669 € na súa configuración máis básica (4 GB de RAM + 128 GB SSD). Existe tamén unha versión de 8 + 128 GB por 769 € e outra de 8 + 256 GB por 869 €.