LG amplía a gama de auriculares sen fíos cos novos TONE Free Fit

O fabricante surcoreano LG vén de anunciar os novos TONE Free Fit, uns novos auriculares sen fíos que chegan ao noso país o próximo 1 de setembro, e que destacan polo seu deseño dedicado especialmente para facer deporte e as rutinas máis activas.

Os TONE Free inclúen tecnoloxía SwivelGrip, que axudan a manter os auriculares firmes e seguros na orella, mesmo durante os adestramentos máis intensos, cun novo factor de forma, lixeiro e sinxelo, que promove unha mellor circulación do aire. No seu desenvolvemente, a compañía colaborou co Laboratorio de Tecnoloxía de Deseño Ergonómico POSTECH de Coreo do Sur para adaptarse a calquera orella.

No aspecto máis técnico, os TONE Free ofrecen un rendemento de tecnoloxía de cancelación de ruído, a través dun algoritmo de dobre paso e un optimizador en tempo real. Cada un dos auriculares está equipado con Meridian Headphone Spatial Processing (HSP), unha tecnoloxía que permite que as usuarias poidan sentir o son desde calquera punto espacial do seu entorno e obter así un son claro e envolvente, para tratar de facer esquecer que se están a usar auriculares.

Son resistentes á choiva, salpicaduras, suor e pó, co estándar IP67, e ademais inclúen innovacións en hixiene de LG, cun estoxo equipado con tecnoloxía UVnano que elimina todo tipo de bacterias e xermes para manter o oído limpo despois de cada sesión deportiva.

A súa autonomía é de 10 horas, e até 20 horas co estoxo de carga. Ademais dispoñen de carga rápida, que permite acadar o 100 % da batería nunha hora. Por último, cabe destacar que tamén integran unha conexión no estoxo de tipo AUXAUX, para poder conectalo a equipos de radio, máquinas de correr ou outros sistemas de entretemento en medios de transporte, para desfrutar da liberdade de escoitar calquera contido sen limitacións.

Os novos LG TONE Free Fit de LG póñense á venda o próximo día 1 de setembro por 179 €, tanto na web oficial de LG como nos puntos de venda convencionais cos que traballa o fabricante.

Sobre o autor

Reply