A feira IFA de Berlín adoita deixarnos importantes titulares en dispositivos para o fogar, incluíndo sobre todo televisores, accesorios de son e electrodomésticos. LG, unha das empresas activas nesta feira, aproveitou a súa presenza para presentar este sábado o televisor OLED máis grande do mundo, o LG OLED evo Gallery Edition de 97 polgadas (LG 97G2), unha das innovacións máis punteiras no segmento audiovisual.
Este novo panel de 97 polgadas aproveita todas as vantaxes da tecnoloxía OLED evo, con píxeles autoluminiscentes que permiten obter o negro máis puro, cores máis vivas e un contraste infinito, unha combinación de elementos que aporta unha completa inmersión á hora de visualizar calquera tipo de contido.
Coa chegada desta gran polgada, a gama LG OLED de 2022 amplíase ao máximo e se convirte na máis extensa de toda a súa historia, sendo a marca que máis opcións de polgada ofrece con esta tecnoloxía do mundo. Os modelos presentados este ano van desde as 42 polgadas até o recén estreado televisor de 97 polgadas (actualmente LG conta con paneis de 42, 48, 55, 65, 77, 83, 88 e 97 polgadas).
Outras novidades de LG na IFA
Ademais do novo televisor LG OLED evo Gallery Edition de 97 polgadas, a compañía coreana está a amosar na IFA o resto de gamas de paneis que actualmente ten no mercado (OLED, Micro LED e QNED MiniLED), encabezadas pola súa liña de televisores 8K, entre os que destacan os LG SIGNATURE OLED 8K de 88 polgadas (LG 88Z2) e LG QNED 8K de 86 polgadas (LG 86QNED99). Ambos modelos combinan un tamaño de gran formato, unha ampla nitidez a través da súa resolución 8K (7680 x 4320) e as últimas tecnoloxías de imaxe de LG, para unha visualización inmersiva e realista de calquera tipo de contido.
Tamén se está a exhibir o enorme televisor LG Micro LED 4K de 136 polgadas, cunha resolución de 3840 x 2160, cun combinado de píxeles auto-iluminados de tamaño micrométrico e deseño modular.