Logo da presentación e posta á venda dos novos Galaxy Z Flip4 e Galaxy Z Fold4 por parte de Samsung no noso país, agora é Huawei quen vén de anunciar a dispoñibilidade do seu último smartphone encartábel. Estamos a falar do Huawei Mate Xs 2, que xa fora presentado oficialmente o pasado mes de abril.
O dispositivo, semellenta ao Samsung Galaxy Z Fold4 cando ten a súa pantalla despregada, segue unha filosofía diferente de encarte, ao desenvolver a pantalla externa como se fose a capa dun libro. Destaca por ser lixeiro, fino e plano, e por estar equipado cunha bisagra Falcon Wing Hinge de dobre rotación, que é a encargada de desenvolver a pantalla True-Chroma de 7.8 polgadas, resolución 2480 x 2200 píxeles unha relación de aspecto de 8:7.1, que ademais ofrece ás usuarias unha taxa de refresco de até 120 Hz.
Especificacións técnicas
A nível técnico, o Huawei Mate Xs 2 está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 888 4G, xa que polas restricións impostas contra o fabricante non ten acceso ao 5G. Ademais, existen diferentes combinacións de memoria RAM (8 ou 12 GB) e memoria interna (256 ou 512 GB), aínda que no noso país só se comercializa a de 12 + 512 GB.
A nível fotográfico temos unha cámara principal formada por tres sensores, un principal de 50 MP que está acompañado dun gran angular de 13 MP e un teleobxectivo 3x de 8 MP. A cámara frontal é de 10.1 MP.
A conectividade móbil vén dada polo 4G, ao que hai que sumar WiFi6, Bluetooth 5.0 ou NFC. Tamén dispón de sensor de pegadas dixitais, situado no lateral do dispositivo. No seu interior, a batería é de 4.400 mAh de capacidade, con carga rápida de 66W.
En canto ao software, o Huawei Mate Xs 2 vén co sistema operativo Harmony OS 2, desenrolado por Huawei e baseado en Android, pero sen acceso á Play Store, nin ás aplicacións de Google e outras moitas habituais no uso diario (aínda que existen trucos para instalalas). Sobre este sistema operativo, a interface estética é EMUI na súa versión 12.
Dispoñibilidade e prezo
Malia que o novo trebello de Huawei existe en branco e negro, no noso país pódese mercar unicamente a versión en branco e con 12 + 512 GB, por un prezo de 1.999 €. Ademais, de maneira promocional até o 18 de setembro, as persoas que o adquiran recibirán de maneira gratuíta un Huawei Watch GT 3 Pro de agasallo.