JBL anuncia uns auriculares sen fíos que inclúen unha pantalla no estoxo

O fabricante de sistemas de son e auriculares JBL, propiedade de Harman, vén de anunciar as súas novidades na feira IFA de Berlín, onde presentou – entre outros – os JBL Tour Pro 2, uns auriculares que non destacan polas súas características de audio, senón por ter ser os primeiros que teñen unha pantalla no estoxo de carga.

Dita pantalla é un panel LED de 1,45 polgadas, que nos permite acceder a diferentes funcións ao estar o estoxo vinculado co noso smartphone a través dunha conexión inarámica. Entre estas funcionalidades, o fabricante destaca o poder ver quen nos está chamando por teléfono para responder directamente pulsando un botón, previsualizar mensaxes ou acceder a funcións de personalización e xestión da música.

No que ten a ver coa tecnoloxía dos auriculares en si, JBL pon en valor o sistema de cancelación de ruído ANC, cunha proba da canle auditiva capaz de modificar o son para adaptar a cancelación aos entornos máis ruidosos. Os controladores de 10 mm son compatíbeis con Bluetooth 5.3 e Bluetooth LE Audio para unha maior calidade de son e menor retardo, e a súa autonomía é de 10 horas (40 horas totais coas cargas extra do propio estoxo).

JBL tamén anunciou os JBL Tour One M2, uns auriculares de diadema, que ofrecen 50 horas de autonomía (40 coa cancelación de ruído activa). Inclúen drivers de 40 mm e dispoñen de 4 micrófonos con VoiceAware, para captar a nosa voz nas chamadas.

Sobre o autor

Reply