Samsung Galaxy S22 Ultra, o “Note” que agardabamos

Cando Samsung iniciou a liña de dispositivos encartábeis, a saga Galaxy Z, comezaron os rumores que apuntaban á desaparición da liña Note, unha estratexia que foi confirmada o ano pasado, cando os Galaxy Z Flip3 e Galaxy Z Fold3 acapararon todo o protagismo.

Porén, a compañía non estaba disposta a deixar aos fans dun modelo tan icónico como o Galaxy Note sen opcións, e no primeiro trimestre deste ano a serie Galaxy S incorporou o prezado S-Pen nunha das súas variantes. Estamos a falar do Galaxy S22 Ultra, un dispositivo que puidemos probar nas últimas semanas.

Deseño e acabados

Como claro sucesor do Galaxy Note 20 Ultra, o Samsung Galaxy S22 Ultra é un dispositivo de grandes dimensións, mais cunhas liñas cómodas para asegurar un uso agradábel na man. A principal diferenza estética nun trebello coma este, que aproveita toda a frontal para unha pantalla inmersiva, atopámola na parte traseira, cuxo módulo de cámara é moito máis sutil ca o que tiñamos no último Note.

E é que esta parte traseira é unha oda ao minimalismo, cun acabado en mate con repelente de pegadas dixitais para asegurar unha maior sensación de limpeza. Sobre esta parte planta destacan os cinco círculos que albergan os compoñentes da cámara, e que se sitúan no lado superior esquerdo.

Os botóns de control de volume e acendido atopámolos no lateral dereito do trebello, e na parte inferior temos o conector USB-C, a bandexa extraíbel para dúas tarxetas nano-SIM e o espazo no que se alberga o S-Pen.

Por diante temos un terminal “todo pantalla”, con reducidos marcos na parte superior e inferior. Uns marcos que son practicamente inexistentes nos laterais, onde a curvatura da pantalla fai que queden diluídos. A cámara frontal aparece como un burato na parte superior, que fai que se poida aproveitar ao máximo este panel.

En termos de deseño, estamos a falar, como xa apuntamos, dun dispositivo minimalista de grandes dimensións. Está pensado para que o usemos con dúas mans, algo que tamén debemos ter en conta á hora de plantexármonos se é o modelo que buscamos.

Hardware e rendemento

A folla de características do Galaxy S22 Ultra é de primeiro nível. Conta cun procesador de fabricación propia, o Exynos 2200, con GPU de AMD, e núcleo ARM Cortex X2, tres ARM Cortex-A710 e catro núcleos ARM Cortex-A510. Ofrece diferentes configuracións para a memoria RAM e a almacenaxe interna, comenzando cunha versión básica de 8 + 128 GB. A partir dela, temos tres alternativas con 12 GB de RAM e 128 GB, 256 GB ou 1 TB de memoria interna para os nosos datos.

A conectividade vén dada polas conexións 5G (dual nanoSIM + eSIM), e pola presenza de WiFi 6E, Bluetooth 5.2, sistema GPS, NFC para pagos móbiles e USB tipo C 3.2, entre outros. Tamén é resistente a líquidos e pó segundo o estándar IP68, o máis habitual neste tipo de trebellos.

É un teléfono que se comporta moi ben en diferentes escenarios de uso, aínda que acusa certo quecemento con usos moi intensivos, como pode ser durante longas partidas de xogos exixentes. En calquera caso, no uso normal do dispositivo, o funcionamento é excelente e fluído, con transicións mínimas entre cambios de apps.

Pantalla

O Galaxy S22 Ultra conta cun panel Dynamic AMOLED 2X de 6,8 polgadas, con ratio 19.3:9, curvatura en ambos lados, esquinas redondeadas e unha resolución de pantalla de 3088 x 1440 píxeles (500 píxeles por polgada). É unha pantalla de grandes dimensións e unha visualización excelente que se adapta a diferentes usos.

Malia as súas capacidades, por unha cuestión de optimización de recursos (especialmente da batería), está configurado por defecto con resolución Full HD+ (2316 x 1080 píxeles, 376 ppp), que resultará máis ca abondo para os usos máis habituais. Tamén dispón dunha taxa de refresco que chega aos 120 Hz, na mesma liña ca os modelos de gama alta de todos os fabricantes, sendo as usuarias as que poden configurar dita taxa dependendo do consumo que fagan nun determinado momento.

En canto á representación de cor, o Galaxy S22 Ultra ofrece unha gama que acada o 100% do espazo de cor DCI-P3, e un brillo máximo de 1750 nits, con cotnraste 3.000.000:1. Tamén soporta HDR10+, un formato que mellora o rango dinámico do estándar HDR, e que polo de agora está dispoñíbel unicamente en Amazon Prime Vídeo.

As persoas que queiran ter un control total sobre a pantalla teñen a posibilidade de facer unha xestión manual de cada un dos parámetros, para adaptala ás diferentes situacións e sacarlle o máximo partido. Porén, se preferimos non complicarnos, o fabricante implementou un sistema de xestión chamado Vision Booster, que analiza a contorna e realiza os axustes de maneira automática, sen complicacións, incluíndo a gama de cores, brillo e modo.

Por último, Samsung tamén implementou melloras na eficiencia do panel, que se ben é algo que a priori non percibimos ás usuarias, ten a súa relevancia pola contribución á redución do consumo enerxético, e polo tanto a facer que a batería poida durar máis.

Cámara

A nível fotográfico, Samsung implementou no Galaxy S22 Ultra a combinación máis ampla de todos os modelos Galaxy S22, con catro sensores na parte traseira aos que hai que engadir un quinto módulo de enfoque láser. Os catro sensores son os seguintes:

  • Cámara ultra gran angular (120º) de 12MP (1.4µm) con apertura f/2.2 e enfoque automático Dual Pixel PDAF.
  • Cámara gran angular  (24 mm) de 108MP (1/1.33″, 0.8µm) con apertura f/1.8, enfoque PDAF e estabilización óptica da imaxe.
  • Cámara teleobxetivo 3x (70 mm) de 10MP (1.12µm, 1/3.52″) con apertura f/2.4, enfoque Dual Pixel PDAF e estabilización óptica.
  • Cámara teleobxetivo 10x (230 mm) de 10MP (1.12µm, 1/3.52″) con apertura f/4.9, enfoque Dual Pixel PDAF e estabilización óptica.

Esta combinación de sensores permítelle á cámara do Galaxy S22 Ultra adaptarse a múltiples escenarios, o que fai posíbel tomar imaxes de gran calidade en diferentes condicións externas (luminosidade, ambiente, distancia, obxecto a fotografar….), resultando realmente versátil.

A isto hai que engadir unha aplicación de cámara que proporciona accesos rápidos ás diferentes opcións de zoom (0.6x, 1x, 3x, 10x), nos cales a aplicación responde bastante ben, aínda que manualmente podemos seleccionar aumentos até os 100x, iso si, canto máis aumentemos máis necesario será contar con algún elemento que nos permita manter o dispositivo quedo (trípode ou similar).

Dos diferentes modos de cámara, destaca o ultra gran angular, pola amplitude de campo que nos permite coller, e o modo retrato, pensando neses primeiros planos. No caso do ultra gran angular, a cámara acusa un estirado que pode facer algo artificial as imaxes nos bordes, aínda que con boa precisión nas partes centrais da imaxe. Porén, no caso do modo retrato, o traballo é espectacular, conrecortes precisos e unha profundidade axeitada, que podemos ademais modificar tras ter sacado a foto.

Por último, hai que indicar que a propia app de cámara conta cun lector de QR que se activa automaticamente cando apuntamos a un destes códigos, sen ter que seleccionar a lectura de códigos como “modo”, algo que se agredece nestes tempos nos que se popularizou o acceso a información de uso cotiá con estes métodos.

Para a cámara frontal, Samsung apostou por incluír un sensor de 40 megapíxeles con f/2.2 de 25 mm, que resulta de gran utilidade para conseguir selfies con precisión, tanto no modo normal como cando usamos modos máis específicos como o retrato. Tamén resolve de maneira efectiva con pouca iluminación, aínda que non tan ben en noite pechada, cando xa comeza a acusar ruído.

Software

No apartado do software non atopamos grandes cambios estéticos, malia ser a serie S22 a que estreou a capa One UI 4.1 de Samsung sobre Android 12, xa que esta está centrada en cuestións de carácter máis técnico, como a inclusión de modos de cámara adicionais ou o uso de RAM virtual para ampliar esta memoria.

Ao ser o Galaxy S22 Ultra o sucesor da gama Note, atopámonos coas aplicacións que naceron para dar soporte ás posibilidades do S-Pen, como a creación de notas, smart select, a escritura en pantalla ou as mensaxes animadas, entre outras.

Ademáis, tamén temos o panel Edge, para termos accesos rápidos a aplicacións desde o lateral, e funcións como Samsung Dex, que nos permite converter o noso smartphone nun ordenador ao conectalo a unha pantalla externa.

En canto ao software precargado, temos varias apps de Samsung, ademais de algunhas de terceiros, especialmente de Microsoft, con quen a compañía vén colaborando nos últimos anos para incluír as súas apps de ofimática e nube.

Batería

O Galaxy S22 Ultra non destaca especialmente pola súa batería. Samsung segue sen sorprendernos neste punto, cunha batería de 5.000 mAh que permite rematar o día sen problema, pero tampouco ofrece unha autonomía abonda para ir máis aló dunha xornada e media.

Dispón de carga rápida de 45W, aínda que non inclúe o cargador, e tamén carga sen fíos de 15W e sistema de carga inversa, o que nos permite compartir a enerxía con outros dispositivos que admitan carga sen fíos, como wearables ou outros smartphones con esta carcterística.

Conclusións

O Galaxy S22 Ultra é o teléfono para todas aquelas que estaban a esperar un sucesor do Note, unha aposta segura para usuarias exixentes, que queren un teléfono completo, que ofreza un bo rendemento, unha cámara espectacular e funcións avanzadas, como as que temos co S-Pen ou o modo DeX.

Pantalla, cámara, fluidez… son algúns dos aspectos nos que o Galaxy S22 Ultra resulta unha aposta segura, mentres que a batería sería o gran aspecto a mellorar polo fabricante para ter o smartphone definitivo.

Sobre o autor

Reply