Novos Nokia X30 5G e Nokia G60 5G para a gama media

HMD Global vén de presentar durante a celebración da feira IFA de Berlín diversos dispositivos da súa marca Nokia, entre eles dous smartphones de gama media con conectividade 5G, que como vén sendo habitual nos trebellos da marca, destacan polo seu compromiso cun software limpo e unha boa política de actualizacións. Trátase dos novos Nokia X30 5G e Nokia G60 5G.

Ambos os dous saen á venda con Android 12 puro, e comparten unha política de actualizacións que garante tres anos de seguimento, ademais de outras características técnicas, como o seu procesador ou algún dos sensores fotográficos.

Nokia X30 5G

O máis ambicioso dos dous modelos anunciados, o Nokia X30 5G, está equipado cunha pantalla AMOLED de 6,43 polgadas, con resolución Full HD+, unha taxa de refresco de 90 HZ e protección Gorilla Glass Victus.

Leva no seu interior o procesador Snapdragon 695 de Qualcomm, e está dispoñíbel en dúas combinacións de memorias: 6 GB de RAM + 128 GB de capacidade interna, ou 8 + 256 GB. En ambos os casos, podemos ampliar a memoria mediante o uso de tarxetas microSD.

No apartado fotográfico temos, na cámara traseira, un sensor principal de 50 MP con f/1.8, que vén acompañado dun segundo sensor de 13 MP con f/2.4 UGA. Do outro lado, na parte frontal, a cámara é de 16 MP con f/2.4.

Completando a folla de características, a súa batería é de 4.200 mAh con carga rápida de 33W, e a súa conectividade vén dada polo 5G, o WiFi 6, Bluetooth 5.1 e NFC. Tamén dispón de protección contra as augas e pó segundo o estándar IP67, e dispón de lector de pegadas dixitais situado baixo a pantalla.

Nokia G60 5G

Pola súa banda, o G60 5G comparte procesador co X30 5G, aínda que vai acompañado de 4 ou 6 GB de RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna (ampliábeis). Dispón dunha pantalla tipo LCD máis grande, de 6,58 polgadas con resolución Full HD+, que destaca pola súa frecuencia de actualización de 120 Hz. Tamén está protexida contra pequenos golpes ou rabuñadas por Gorilla Glass, aínda que na versión 5.

Malia coincidir co X30 no sensor principal da cámara traseira, HMD integrou dous sensores adicionais, un de 5 MP con f/2.0 UGA e outro de 2 MP con f/2.4. A frontal neste modelo queda nos 8 MP con f/.20.

En canto ao resto de especificacións, temos unha batería de 4.500 mAh con carga rápida de 20W, 5G, WiFi 6, Bluetooth 5.1, NFC e jack de audio. O lector de pegadas dixitais sitúase nun lateral, e a protección contra auga e pó queda na IP52.

Dispoñibilidade e prezo

Tanto o Nokia X30 5G como o Nokia G60 5G xa se poden mercar no mercado europeo.

O primeiro deles, o Nokia X30 5G, pódese mercar en azul ou branco con configuracións de 6 + 128 ou 8 + 256 GB, cun prezo de partida de 519 euros, mentres que o Nokia G60 5G está dispoñíbel en 4 + 64 GB, 4 + 128 GB e 6 + 128 GB desde os 329 euros.

Sobre o autor

Reply