O fabricante chinés Xiaomi anunciou onte a chegada ao noso país de dous novos smartphones da serie Poco. Trátase do Poco M5 e Poco M5s, dous modelos de gama entrada con similitudes en parte das súas especificacións, pero que centran a experiencia de usuario nos xogos móbiles (caso do M5) ou na cámara e batería (no modelo Poco M5s).
Poco M5
O primeiro destes dous modelos, o Poco M5, está equipado cun procesador de 6 nm, o MediaTek Helio G99, que inclúe unha CPU octa-core, con dous Cortex-A76 que acadan os 2,2 GHz, xunto cunha GUP Arm Mali G57 para gráficos 3D avanzados e sistema Game Turbo 5.0, que permite controlar e optimizar dun xeito intelixente a CPU, GPU e memoria, mantendo un ritmo de xogo constante.

A súa pantalla é un panel Full HD+ DotDisplay de 6,58 polgadas (2408 x 1080 píxeles), relación de aspecto 20:9 e taxa de 90 Hz, mentres que a súa cámara principal está formada por unha combinación de tres sensores: principal de 50 MP con apertura f/1.8, profundidade de 2 MP e macro, tamén de 2 MP.
En canto á batería, Xiaomi decidiu apostar por unha pila de 5.000 mAh con carga de 18W. Dispón tamén de NFC para pagos móbiles, lector de pegadas dixitais lateral e conectividade Bluetooth 5.3, xunto con dual SIM 4G.
Poco M5s
O Poco M5s centra os seus esforzos na fotografía, cunha cámara traseira formada por catro sensores (principal de 64 MP, ultra gran angular de 8 MP, macro de 2 MP e profundidade, tamén de 2 MP), que lle permiten gravar vídeos 4K a 30 fotogramas. No lado dianteiro temos unha cámara de 13 MP con apertura f/2.4.

A pantalla é un panel AMOLED DotDisplay de 6,43 polgadas, o procesador un MediaTek Helio G95, e a batería sitúase tamén nos 5.000 mAh con carga rápida de 33W. Leva tamén NFC para pagos móbiles, así como dual SIM 4G e lector de pegadas dixitais lateral.
Dispoñibilidade e prezo
Os dous novos terminais de Xiaomi estarán dispoñíbeis no noso país o próximo día 12, podendo adquirirse a través das principais canles onlines e na web po.co.
Así, o Poco M5 custará 189,99 € na versión de 4 + 64 GB, mentres que a de 4 + 128 GB custará 209,99 €. Pola súa banda, o Poco M5s estará dispoñíbel por 209,99 € na versión de 4 + 64 GB, e por 229,99 € na de 4 + 128 GB.
Ademais, tanto o Poco M5 coma o Poco M5s terán un desconto early bird entre os días 12 e 16 de setembro de 20 €.