Huawei anuncia os Mate 50 e Mate 50 Pro, con conexión por satélite

Malia o seu bloqueo nos países de Occidente, o fabricante Huawei continúa a súa andaina na súa China natal, onde vén de presentar dous novos modelos de smartphone enmarcados na gama alta. Trátase do Huawei Mate 50 e do Huawei Mate 50 Pro, que chegan para seguir a saga dunha familia de terminais que destacan polo seu coidado deseño e unha folla de especificacións máis ca interesante.

Huawei Mate 50

Comezando polo máis básico da serie, o Huawei Mate 50 chega cunha pantalla OLED de 6,7 polgadas, con taxa de refresco de 90 Hz, e diferentes opcións para a capacidade da súa memoria interna: 128, 256 ou 512 GB. Está equipado cunha batería de 4.460 mAh, con sistema de carga rápida de 66 W e tamén carga sen fíos de 50 W.

No aspecto fotográfico, o terminal leva un sistema de cámara traseira triple, formado por un sensor principal Sony IMX766 de 50 MP con apertura variábel (f/1.4 – f/4.0), ao que se lle suma un gran angular, tamén de Sony, o IMX688 de 13 MP, e un sensor tipo telefoto de 12 MP, con sistema de estabilización e imaxe óptica (OIS).

Huawei Mate 50 Pro

Pola súa banda, o modelo “Pro” leva unha pantalla un chisco máis grande, de 6,74 polgadas, tamén con tecnoloxía OLED pero cunha taxa de refresco que chega aos 120 Hz, pensando nas persoas entusiastas dos videoxogos no móbil.

Na cámara, comparte co modelo estándar o sensor principal e o gran angular, mais cambia o telefoto por un teleobxectivo periscopio de 64 MP con zoom óptico de 3.5x. En canto á batería, esta medra até os 4.700 mAh, mais mantendo as características de carga rápida (66W) e carga rápida sen fíos (50W).

Especificacións comúns

Tanto o Huawei Mate 50 coma o Huawei Mate 50 Pro coinciden en incluír o procesador Qualcomm Snapdragon 888, un modelo de gran rendemento pero xa algo antigo, que limita ademais as súas opcións de conectividade ás redes 4G, polo bloqueo imposto á marca polos Estados Unidos que non lles permite incluír o 5G.

Para tratar de compensar en certa medida este tema, Huawei dotou a ambos modelos de conexión por satélite a través da rede chinesa Beidou. Esta rede está pensada para os lugares nos que non hai cobertura móbil estándar, e permite ás usuarias acceder a servizos básicos como as mensaxes curtas ou acceder a rutas de mapa, pero non realizar chamadas.

En canto a software, levan Harmony OS 3.0, un sistema operativo desenvolto por Huawei que está baseado en Android, aínda que sen acceso á Play Store nin aos servizos de Google (Gmail, Maps, …), nin tampouco a apps básicas de forma directa.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora só está prevista a súa comercialización na China, onde o Huawei Mate 50 ten un prezo de partida duns 700 euros e o Huawei Mate 50 Pro de preto de 1000 euros.

Sobre o autor

Reply