Apple anuncia os novos iPhone 14 e a chegada de iOS16

Apple celebrou onte o seu tradicional evento de inicio de curso, que serviu para cortar os ríos de tinta de rumores que preceden un lanzamento de novos produtos desta embergadura. A presentación, que deixou varios titulares, estivo centrada en dar a coñecer a nova serie iPhone 14, formada polo iPhone 14, o iPhone 14 Plus, o iPhone 14 Pro e o iPhone 14 Pro Max.

iPhone 14 Pro / iPhone 14 Pro Max

Os novos iPhone 14 Pro e iPhone 14 Pro Max son arestora a maior expresión a nível hardware de Apple, os dous modelos máis avanzados, que comparten unha folla de características que apenas difire no tamaño da súa pantalla: 6,1 polgadas (2445 x 1179) no iPhone 14 Pro e 6,7 polgadas (2790 x 1290) no iPhone 14 Pro Max. En ambos casos estamos a falar de paneis Super Retina XDR con ProMotion (taxa de refresco variábel entre 10 e 120 Hz), compatibilidade con HDR10, até 2000 nits de brillo, TrueTone e un contraste de 2.000.000:1.

No seu interior, os iPhone 14 Pro e 14 Pro Max incorporan o procesador máis avanzado de Apple, o novo A16 Bionic, e están dispoñíbeis en varias opcións de memoria, a escoller entre 128 GB, 256 GB, 512 GB ou 1 TB de capacidade. A batería admite carga de 20 W, carga sen fíos MagSafe de 15 W, e carga reversíbel para outros dispositivos Qi de 7,5 W.

En canto á conectividade, están equipados con 5G, WiFi 6, NFC para pagos móbiles, Bluetooth 5.0, porto Lightning e conectividade por satélite para emerxencias, que inclúe posicinamento.

No apartado fotográfico, os dous modelos levan un sistema de cámara traseira triple, formado por un sensor principal gran angular de 48 MP con f/1.78 e estabilización óptica OIS; un sensor ultra gran angular de 12 MP con f/2.2 de 120º; e un telefoto de 12 MP con f/2.8. Na parte frontal temos sendas cámaras de 12 MP, con f/1.9 TOF 3D no iPhone 14 Pro, e con f/2.2 TOF 3D no iPhone 14 Pro Max.

iPhone 14 / iPhone 14 Plus

Cos iPhone 14 e iPhone 14 Plus pasa algo semellante ca cos modelos Pro, e comparten a súa folla de especificacións agás no tamaño da súa pantalla: 6,1 polgadas no iPhone 14 (2532 x 1170 píxeles) e 6,7 polgadas (2778 x 1284 píxeles). Trátase de paneis Super Retina XDR OLED, con True Tone e HDR, cun brillo máximo de 800 nits.

O procesador é un modelo que xa era coñecido, o Apple A15 Bionic, con GPU de catro núcleos, con opcións de memoria de 128, 256 e 512 GB. Levan conexión 5G, WiFi 6, Bluetooth 5.0 e satélite para emerxencias, e batería con carga de 20 W, con MagSafe a 15 W e reverse de 7,5 W.

A cámara principal é dual, sendo o sensor principal de 12 MP, e a dianteira unha cámara TrueDepth de 12 MP con apertura f/1.9.

iOS 16

Os novos iPhone veñen coa última versión do sistema operativo de Apple, iOS 16, unha versión que estará dispoñíbel para descargar noutros modelos o próximo luns 12 de setembro, e que será compatíbel co iPhone 8 / 8 Plus, iPhone X, iPhone XS, iPhone XS Max, iPhone XR, iPhone 11 / 11 Pro / 11 Pro Max, iPhone SE 2020, iPhone 12 / 12 Mini / 12 Pro / 12 Pro Max, iPhone 13 / 13 Mini / 13 Pro / 13 Pro Max e iPhone SE 2022.

Entre as súas novidades destacan a pantalla de bloqueo redeseñada, melloras na privacidade e nas notificacións, e melloras en apps como o navegador Safari, Apple Maps, Wallet, Fotos, ou o aisstente Siri, entre outras.

Dispoñibilidade e prezo

Todos os modelos de iPhone poderán reservarse desde este mesmo venres, 9 de setembro, a través da Apple Store e outros retailers, e se enviarán a partir do 16 deste mesmo mes.

A lista de prezos é a seguinte:

  • iPhone 14 de 128GB: 1.009 euros
  • iPhone 14 de 256GB: 1.139 euros
  • iPhone 14 de 512GB: 1.399 euros

  • iPhone 14 Plus 128 GB: 1.159 euros
  • iPhone 14 Plus 256 GB: 1.289 euros
  • iPhone 14 Plus 512 GB: 1.549 euros

  • iPhone 14 Pro 128 GB. 1.319 euros.
  • iPhone 14 Pro 256 GB. 1.449 euros.
  • iPhone 14 Pro 512 GB. 1.709 euros.
  • iPhone 14 Pro 1 TB. 1.969 euros.

  • iPhone 14 Pro Max 128 GB. 1.469 euros.
  • iPhone 14 Pro Max 256 GB. 1.599 euros.
  • iPhone 14 Pro Max 512 GB. 1.859 euros.
  • iPhone 14 Pro Max 1 TB. 2.119 euros.

Sobre o autor

Reply