Durante a celebración do HP Amplify Executive Forum, o roadshow anual de partners de HP, o fabricante presentou novos dispositivos e solucións orientados a que as empresas e profesionais poidan mellorar a súa produtividade nos entornos de traballo remoto ou híbridos, na liña de apuntalar unha tendencia, a do traballo híbrido, que segundo apuntan varios estudos podería afectar ao 50% das e dos traballadores no 2023.
Entre os novos PCs anunciados pola marca están o HP Dragonfly Folio G3, un PC convertíbel listo para os negocios, así como tamén o ordenador de sobremesa HP All-in-One de 34 polgadas, cunha potencia creativa que ofrece ás usuarias unha experiencia semellante á dun estudo con soporte para dobre fluxo de vídeo e cambio de cámara.
Entre as novidades tamén destaca a pantalla HP Z32k G3 4K USB-C, que proporcional un alto nível de detalle e que se conecta de forma doada a calquera dispositivo con soporte para USB-C, así como unha webcam 4K, a HP 965 4K, pensada para o streaming con gran nitidez.
HP Dragonfly Folio G3
O HP Dragonfly Folio G3 combina toda a produtividade que ofrece un portátil coa comodidade dunha tablet, engadindo ademais un bolígrafo que se acopla magneticamente ao dispositivo, e que se pode cargar sen fíos, acadando o 100% da súa batería en apenas 30 minutos. Este bolígrafo ofrece múltiples funcións de escritura e de debuxo, podendo substituír unha tableta gráfica en moitos do casos de uso habituais.
O novo portátil de HP pon o foco nas videoconferencias, para o cal inclúe unha cámara de 8 MP con 100 graos de visión, e incorpora diversos sistemas de son, entre os que destacan o HP Dynamic Voice Leveling, que axusta automaticamente o volume da voz para manter a coherencia, tanto se as usuarias están preto como lonxe do dispositivo, e un sistema de redución do ruído baseado en Intelixencia Artificial, que filtra tanto os ruídos saíntes como entrantes, reducindo así os sons de fondo.
Para a súa fabricación, HP escolleu unha combinación de magnesio, aluminio e plásticos reciclados procedentes dos océanos. No seu interior leva os procesadores Intel Core de 12ª xeración, xunto con memorias RAM de até 32 GB e almacenaxe de até 2 TB.
PC de sobremesa HP 34” All-in-One
Pola súa banda, o novo PC de sobremesa de HP combina un deseño minimalista e atractivo cunha serie de funcionalidades moi interesantes, ligadas ao soporte de fluxos de vídeo duais e cambios de cámara, para que se poida amosar ao tempo a persoa que está a falar / explicar algo e un obxecto ou outra cuestión que se queira ensinar.
Inclúe de serie unha cámara de acople magnético desmontábel de 16 MP (4 MP Binned), que se pode colocar en diferentes posicións ao longo do seu bisel, para atopar o mellor campo de visión para cada momento. Tamén se pode combinar esta cámara cunha segunda cámara – opcional – que permite, como xa adiantamos, que as usuarias poidan compartir o seu traballo dunha maneira máis atractiva, amosando o vídeo dun obxecto ou zona na que estean a traballar, coa súa propia imaxe mentres falan ou explican algo.
A pantalla deste ordenador AiO é un panel 5K de 34 polgadas, cunha relación de aspecto de 21:9 e resolución de 5120 x 2160 píxeles. Os seus procesador son Intel de 12ª xeración, que están acompañados de gráficos NVIDIA GeForce RTX, con RAM de até 128 GB, e memoria interna de até 2 TB de capacidade.
Dispoñibilidade e prezo
En canto a dispoñibilidades e prezos, o HP Dragonfly Folio G3 pódese adquirir desde 1699 €, mentres que o PC de sobremesa AiO de 34 polgadas chegará cun prezo inicial de 2499 €.