Gigaset anuncia un novo terminal robustecido, o Gigaset GX6

O fabricante alemán Gigaset vén de anunciar un dos seus últimos smartphones, un dispositivo robustecido pensado para o uso en exteriores. Trátase do novo Gigaset GX6, que vén de poñerse a venda, e que destaca pola súa conectividade móbil 5G, ademais da súa resistencia a proba de pó, auga e outras condicións adversas. E todo iso, mantendo un deseño moi coidado, sen un peso e grosor excesivo.

O novo trebello está equipado cunha pantalla de grandes dimensións, concretamente de 6,6 polgadas, con resolución FHD+, unha taxa de refresco de 120 Hz e un nivel de brillo que acada os 550 nits para a súa mellor visualización en exteriores. Ademais, conta con protección Corning Gorilla Glass 5, para pequenos croques e rabuñadas.

No seu interior, o Gigaset GX6 leva un procesador MediaTek, o MediaTek Dimensity 900 5G, acompañado de 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, que poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. Como nota a ter en conta, o dispositivo leva bandexa de dobre SIM e un terceiro oco para a tarxeta de memoria, a diferenza de outros modelos nos que o uso dunha tarxeta microSD inhabilita o uso da segunda SIM.

No apartado da conectividade, destaca a presenza da conexión móbil 5G, á que hai que sumar o WiFi 6 e o Bluetooth 5.2. Tamén dispón de NFC, para procesar pagos móbiles, e unha batería de 5.000 mAh extraíbel, con carga rápida de 30W para uso con cable e de 15 W para carga sen fíos.

Se falamos das súas cámaras, na parte traseira temos unha cámara principal formada pola combinación de dous sensores, un de 50 MP e outro macro de 2 MP, mentres que a cámara dianteira queda nos 16 MP, o que permite tomar autorretratos con bastante boa definición.

Por último, e poñendo o foco na súa resistencia, o terminal cumpre coa norma militar MIL-STD-810H, ademais da resistencia a auga e pó segundo IP68. Ademais, pódese usar coas mans molladas e mesmo con luvas, o que incrementa as posibilidades de uso polas persoas máis aventureiras.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Gigaset GX6 púxese á venda o pasado 29 de setembro por 579 euros. Pódese adquirir directamente a través da tenda en liña de Gigaset.

Sobre o autor

Reply