Onte Google anunciou numerosas novidades hardware, coa presentación da nova familia de dispositivos Pixel. E fíxoo ao grando, pois ademais dos smartphones Pixel 7 / 7 Pro, Google tamén anunciou o Pixel Watch (o primeiro reloxo intelixente desde que tivese mercado Fitbit) e a Pixel Tablet, unha tablet que chega bastantes anos despois do último dispositivo destas características con “selo Google”.
Google Pixel 7 / Pixel 7 Pro
Comezando polos smartphones, Google fixo onte oficial o que viña sendo un segredo comentado a berros, xa que a práctica totalidade das especificacións e características dos Google Pixel 7 e Google Pixel 7 Pro foron filtradas nas últimas semanas. Ambos modelos manteñen unha liña estética continuísta, sen grandes cambios respecto á xeración anterior da serie Pixel.
A gran novidade destes modelos témola no seu interior, onde Google introduciu unha nova xeración do seu procesador propio, o Google Tensor G2, un chip de 2 núcleos Cortex-X1 a 2,85 GHz, 2 núcleos Cortex-A76 a 2,35 GHz e 4 núcleos Cortex-A55 a 1,80 GHz, que está deseñado especificamente para mellorar as funcións ligadas á Intelixencia Artificial (IA), cada vez máis importantes nos nosos smartphones. Xunto a el, Google tamén implementou Titan M2, un novo procesador adicado á seguridade que conta con estándar militar para mellorar a privacidade, algo que complementa coa promesa de cinco anos de actualizacións para garantir que esta seguridade continúa a ser efectiva e de primeiro nivel cos cambios que se poidan producir co paso do tempo.
A nivel memorias, os Pixel 7 veñen con 8 GB de RAM e opcións de 128 ou 256 GB de almacenaxe interna, e a pantalla é un panel AMOLED de 6,32 polgadas, con resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles), taxa de refresco de 90 HZ e protección Gorilla Glass Victus.
A cámara principal está formada pola combinación de dous sensores, un principal de 50 MP con f/1.9, OIS e Dual Pixel; e un gran angular de 12 MP con f/2.2 e 106º de visión. Admite a gravación de vídeo 4K a 60 fps e 1080p até 240 fps. Pola súa banda, a cámara dianteira é de 10,8 MP con f/2.2.
Na conectividade destaca a presenza do 5G, Bluetooth 5.3 e WiFi 6, ademais de USB-C, e a súa autonomía vén dada por unha batería de 4355 mAh, con carga rápida de 30W, carga sen fíos de 21W e opción de carga inversa. Tamén destaca a presenza do lector de pegadas dixitais baixo a pantalla.
Pola súa banda, o Pixel 7 Pro introduce algúns cambios respecto ao modelo básico, como a súa pantalla, que pasa a ser de 6,71 polgadas con resolución 3120 x 1444 píxeles, ou a taxa de refresco, que chega aos 120 Hz. Leva unha RAM de 12 GB, aínda que as opcións de memoria interna son as mesmas ca no no Pixel 7: 128 e 256 GB.
A cámara traseira do Pixel 7 pro inclúe un terceiro sensor telefoto de 48 MP, con estabilizador OIS e zoom óptico 4,8x, e a batería pasa a ser de 5000 mAh. Polo demais, a folla de características técnicas é practicamente idéntica.
Pixel Tablet
Sobre a Pixel Tablet, Google confirmou que era oficial, aínda que non se aventurou a avanzar moitas das súas características, máis aló de falar de que integra tamén o novo chip Google Tensor G2 para aproveitar as funcións de IA que tamén temos dispoñíbeis nos móbiles.
Complementarase cun altofalante – soporte, pensado para ter na casa a modo de asistente, de maneira que viría a ser como un asistente do fogar (altofalante + pantalla) que podemos “desacoplar” para usar como tablet.
Pixel Watch
En canto ao reloxo, o Pixel Watch é o primeiro que sae da unión de Google e Fitbit, e se trata dun dispositivo con pantalla circular de 1,4 polgadas tipo OLED (450 x 450 píxeles, 321 píxeles por polgada), que leva un procesador Exynos 9110, 2 GB de memoria RAM, 32 GB de memoria interna e diversos sensores, entre eles acelerómetro, xiroscopio, ritmo cardíaco, barómetro e sensor de oxíxeno en sange (SpO2).
A conectividade inclúe GPS, Bluetooth e NFC, e a súa batería é de 300 mAh, por suposto con carga sen fíos.
Dispoñibilidade e prezo
Google xa permite reservar os novos Pixel 7 e Pixel 7 no noso país, modelos que estarán dispoñíbeis en negro, branco e verde. En canto a prezos, serán os seguintes:
- Pixel 7 128 GB: 649 €
- Pixel 7 256 GB: 749 €
- Pixel 7 Pro 128 GB: 899 €
- Pixel 7 Pro 256 GB: 999 €
A Pixel Tablet e o Pixel Watch estarán dispoñíbeis no 2023.