Google quere un futuro sen contrasinais: as passkeys chegan a Android e Chrome

Ter que usar un contrasinal diferente para cada servizo que empregamos no noso día a día na Internet resulta bastante desesperante, e repetilo é, evidentemente, a opción menos seguro. É por iso que meses atrás, Google, Microsoft e Apple uníronse para presentar Passkeys, a súa proposta de identificación que ten por obxectivo un futuro sen contrasinais.

Logo destes meses de espera, Google vén de anunciar a través da súa páxina de desenvolvedores que as Passkeys comezan a chegar a Android e Chrome, polo que aos poucos iremos vendo como esta funcionalidade comeza a ser unha realidade nos diferentes servizos que empregamos, conforme estes vaian implementando este método de acceso.

Para crear as Passkeys emprégase un método de identificación “física” no noso dispositivo, o que fai que estes contrasinais non se poidan reutilizar ou filtrar, protexendo ás usuarias fronte diversos ataques, pero sobre todo aqueles que teñen que ver co phishing. Así, á hora de crear dita Passkey para identificarnos nunha web ou aplicación deberemos empregar o noso PIN, pegada dixital, cara ou iris, as catro formas que – en principio – terá Google de comprobar que somos nós.

Unha vez creadas, á hora de funcionar con elas, as Passkeys volven ser algo sinxelo: ao acceder a unha web ou app con soporte para este servizo, o móbil permitiranos crear unha Passkey, e confirmaremos que somos nós con algún dos métodos que comentamos anteriormente. Este contrasinal único que se creará automaticamente, gardarase no Administrador de Contrasinais de Google, para poder recuperarse no caso de que cambiemos de trebello. Desde ese momento, cada vez que teñamos que iniciar sesión, seleccionaremos Passkey e nos identificaremos co dispositivo.

No caso de estar empregando a versión de escritorio de Chrome, o proceso é semellante, aínda que a identificación farase escaneando un código QR que aparecerá na pantalla co noso móbil.

A previsión de Google é que todas estas funcionalidades cheguen a todo o mundo a finais de 2022, polo que se a industria acolle esta nova funcionalidade (e co apoio de Google, Apple e Microsoft é moi probábel que o faga), poderíamos estar ante o comezo da fin das contrasinais tal e como as coñecemos.

Sobre o autor

Reply