O novo Chromecast con Google TV (HD) xa se pode mercar por 39,99 €

Google anunciou hai unhas semanas a última das novidades dun dos seus dispositivos hardware máis emblemáticos, o Google Chromecast. O Chromecast orixinal foi lanzado en 2013, e desde aquela sucedéronse tres xeracións, ás que hai que sumar o Chromecast Ultra con 4K e HDR. En 2020 deuse o maior salto en prestacións, co Chromecast con Google TV (4K), que agora ve ampliada a gama coa chegada do Chromecast con Google TV (HD).

A priori puidera parecer que ten pouco sentido anunciar un novo dispositivo que retrocede en calidade (HD vs. 4K) con respecto ao modelo que está no mercado desde hai dous anos. Porén, ambos os dous están pensados para convivir, e o que pretende Google con este lanzamento é poñer no mercado un produto máis asequíbel, co que poder chegar a un público máis amplo.

Ademais, débese ter en conta que moitos dos televisores que temos nas nosas casas son HD, polo que realmente co modelo 4K estábase a desaproveitar parte do potencial, que agora supón un aforro na compra de 30 €.

O novo Chromecast con Google TV (HD) amplía a funcionalidade de navegar por Internet desde o televisor, ver programas e películas ou escoitar música, con tan só enchufar o dispositivo ao porto HDMI do televisor e conectalo á nosa WiFi persoal.

Está dispoñíbel por 39,99 €, e pódese mercar desde onte na tenda en liña de Google e tamén a través de outros distribuidores autorizados.

Sobre o autor

Reply