Esta semana a Dirección Xeral de Protección Civil iniciará as probas do protocolo ES-Alert. Trátase dun sistema de alertas que se integra na Rede de Alerta Nacional, e que permite ás autoridades de Protección Civil enviar mensaxes de alerta xeralizados e inmediatos a través dos teléfonos móbiles localizados nunha área afectada por unha emerxencia ou catástrofe.
O sistema foi despregado xa o pasado mes de xuño, mais durante os próximos días – e semanas – están calendarizadas as probas nos diferentes territorios do Estado, comezando este luns día 24 de outubro en Cantabria, Andalucía e Asturias. O próximo xoves, 27 de outubro, será a quenda de Galiza, Extremadura e a Comunidade Valenciana. En Murcia, Baleares, Madrid, Aragón, Navarra e Catalunya será o 2 de novembro; en Euskadi, Castela e León, Canarias e Ceuta o 10 de novembro; e finalmente, o 16 de novembro será en Castela A Mancha, La Rioja e Melilla.
As persoas que reciban esta mensaxe de proba verán como o seu móbil emite un pitido, ao tempo que a pantalla amosará unha mensaxe indicando que se trata dunha proba do sistema de alertas de Protección Civil a través das redes de telefonía móbil. Non haberá que facer nada especia con el.