Vodafone inicia o apagado da rede 3G

O principo da fin do 3G no Estado español xa ten data: o 7 de novembro. O próximo luns, a operadora Vodafone iniciará o apagado das súas redes 3G nalgunhas poboacións, unha acción que supón un anticipo do que se irá vendo ao longo de 2023, ano que no a compañía vermella ten previsto completar o apagado do 3G no 100% do territorio.

O obxectivo desta medida é a de poder reutilizar as frecuencias empregadas por estas redes por outras tecnoloxías máis actuais, como son as do 4G e 5G, as cales, empregando a mesma cantidade de espectro radioeléctrico, son capaces de ofrecer moito maior caudal de transferencia e facelo ademais cun menor custe enerxético.

As principais persoas afectadas son aquelas que manteñen ou ben un terminal antigo que non soporta as redes 4G, ou ben as que si o teñen pero empregan unha tarxeta SIM non compatíbel. Por iso Vodafone está a enviar unha SMS a estas persoas, co obxectivo de que actualicen o seu dispositivo a un modelo máis recente ou ben para que cambien a unha tarxeta SIM actual. Para ilo, deben acudir a unha tenda Vodafone ou chamar ao 1444.

Manterase a rede 2G para chamadas e M2M

A rede 4G de Vodafone cubre o 98% da poboación estatal, polo que o apagado das redes 3G implicará que as usuarias desta compañía deixarán de usar esta rede (identificada nos terminais cos símbolos 3G ou H) nos seus móbiles para empregar o 4G ou 5G, dependendo da zona de cobertura e o dispositivo empregado.

Porén, manteranse as redes 2G para que poidan facer chamadas aquelas persoas que malia ter un terminal 4G, este non sexa compatíbel co servizo de “voz sobre LTE”, coñecido como voLTE, ademais de para outros servizos como os M2M.

Máis información | Vodafone

Sobre o autor

Reply