A fibra PRO-Digi de até 10 Gbps chega á Coruña

Digi, a operadora de telecomunicacións da multinacional DIGI Communications, vén de comunicar que a Fibra PRO-DIGI, cont até 10 Gbps de velocidade, está dispoñíbel para a súa contratación en tres novas zonas con cobertura de Fibra SMART: A Coruña, Alacant e Málaga. Deste xeito, as usuarias que vivan nunha zona con cobertura SMART poden desfrutar das tarifas máis competitivas de Digi, é dicir, 1 Gbps simétrico por 20 €/mes ou os “até 10 Gbps” por 30 €/mes.

“Fibra SMART” é o nome comercial da rede de fibra óptica propia de Digi, que se está a despregar a bo ritmo polas principais cidades do país. Esta rede permítelle á operadora ofrecer prezos máis baixos que os que ten cando se contratan os seus servizos de maneira indirecta, é dicir, accedendo pola rede de outras operadoras.

Digi foi o primeiro operador do Estado español en ofrecer a velocidade de 10 Gbps, e o que ten na actualidade a cobertura máis ampla deste servizo. Tras os últimos avances no despregamento, Digi xa viña ofrecendo este servizo en Madrid, La Rioja, Asturias, Barcelona, Zaragoza, Bizkaia, ás que se suman agora Coruña, Alacant e Málaga. Ademais de Digi, tamén ten fibra de 10 Gbps Orange en puntos das provincias de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Zaragoza.

As usuarias de fibra Digi desfrutan ademais de servizos avanzados, como DIGI Storage, un sistema de almacenaxe na nube con 50 GB de espazo gratuíto para o seu uso. Tamén teñen unhas tarifas de móbil moi competitivas a través da cobertura de Movistar.

Sobre o autor

Reply