O fabricante chinés Vivo vén de presentar a súa nova gama de referencia en smartphones, a serie Vivo X90, composta por tres dispositivos nos que destaca especialmente a fotografía, mais tamén un deseño e acabados diferenciais. Está composta por tres terminais: o Vivo X90, o Vivo X90 Pro+, e un modelo intermedio, o Vivo X90 Pro.
Vivo X90
O modelo máis básico da serie é o Vivo X90, un trebello que aposta por un panel AMOLED curvado de 6,78 polgadas e resolución FHD+. Ten unha taxa de refresco de até 120 Hz, e un brillo que acada os 1.300 nits. Tamén destaca a súa precisión de cor, que lle permtie cubrir o 100% da gama de cor DCI-P3, sendo ademais compatíbel co modo HDR+10.
No seu interior temos o recén estreado procesador MediaTek Dimensity 9200, que destaca especialmente polo seu rendemento para as amantes dos videoxogos, xunto con opcións configurábeis de memoria de 8 ou 12 GB para a RAM e de 128 ou 256 GB para a almacenaxe interna.
A cámara principal é un sensor SONY IMX866 de 50 Mpx, con f/1.75 e estabilización óptica OIS. Está acompañado dun gran angular Sony IMX633, de 108º, e un sensor dedicado á foto retrato equivalente aun lente de 50 mm.
No apartado da conectividade temos 5G, Bluetooth e WiFi 6, ademais dun sensor de pegadas dixitais situado baixo a pantalla, características que comparten os tres modelos da serie. A súa batería é de 4.810 mAh con carga rápida de 120 W, o que lle permite acadar o 50% da carga en apenas oito minutos.
Como sistema operativo, toda a serie anunciada emprega Android 13 cunha interface personalizada polo fabricante, a capa OriginOS 3.
Vivo X90 Pro+
No extremo oposto, o modelo máis completo é o Vivo X90 Pro+, que se sitúa como o novo terminal de referencia dentro do catálogo do fabricante chinés. A súa pantalla, tamén un panel AMOLED curvo de 6,78 polgadas, dispón dunha resolución de 2K, con taxa de refresco de até 120 Hz e un brillo de 1.800 nits. Cabe destacar ademais que é panel de tipo LTPO 4.0, o que permite facer variar o refresco entre 1 e 120 Hz, co obxectivo de optimizar a duración da batería.
Para o procesador, Vivo escolleu a opción de Qualcomm, co Snapdragon 8 Gen 2. Este convive con 12 GB de memoria RAM, que se poden combinar con 256 ou 512 GB de memoria interna. A súa batería, situada nos 4.800 mAh, é compatíbel coa carga rápida de 80W, máis lento ca o modelo básico – que acada os 120 W – pero incorporando a cambio a carga sen fíos de 50 W.
Así e todo, a maior diferenza témola na cámara, onde contamos co sensor Sony IMX989, con f/1.75 e estabilización óptica OIS. Trátase dun sensor con tamaño dunha polgada, desenrolado por Sony especialmente para o segmento da fotografía móbil. Ademais, leva un gran angular – Sony IMX598 – de 114º, unha cámara de retrato – Sony IMX758 con f/1.5 – e un periscopio equivalente a un lente de 90 mm, con zoom 100x óptico e dixital.
Vivo X90 Pro
Entre ambos modelos temos o Vivo X90 Pro, un dispositivo que bebe dun e doutro modelo. Así, do Vivo X90 colle o procesador MediaTek e a batería, con sistema de carga rápida de 120 W, mentres que do Vivo X90 Pro+ mantén o panel con resolución 2K e a maioría das cámaras, a excepción do lente que permite o zoom 100x.
Dispoñibilidade e prezos
Polo de agora, Vivo anunciou a dispoñibilidade destes tres modelos na China, aínda que previsibelmente chegarán ao resto de mercados nas próximas semanas.
- O Vivo X90 pódese mercar en vermello, negro e azul claro, por uns 500 euros ao cambio con 8 + 128 GB e por uns 620 € con 12 + 256 GB.
- O Vivo X90 Pro+, dispoñíbel en vermello ou negro, por uns 890 € con 12 +256 GB ou por 950 € ao cambio con 12 + 512 GB.
- O Vivo X90 Pro tamén chegará en vermello ou negro, por uns 689 € con + 256 GB, uns 750 € con 12 +256 GB e uns 820 € o de 12 + 512 GB.
Todos eles dispoñen dun acabado na parte traseira que imita o coiro, o que aumenta a sensación de dispositivo premium.