O fabricante OnePlus vén de facer oficial o seu novo smartphone de referencia do seu catálogo: o OnePlus 11. Trátase dun trebello que conta cunha completa folla de especificacións na que destacan aspectos como a pantalla, a cámara ou o sistema de carga rápida que incorpora, sen esquecernos dun procesador á altura dos modelos de gama alta da competencia.
O OnePlus 11 aposta por un panel Samsung AMOLED de 5,7 polgadas, con resolución QHD+ (3216 x 1440 píxeles), e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, combinado con diferentes opcións de RAM e memoria interna: 12 + 256 GB, 12 + 512 GB ou 16 + 512 GB, respectivamente.
No apartado da fotografía, OnePlus optou por un sistema de cámara traseiro formado por tres sensores, todos fabricados por Sony – un principal de 50 MP (IMX890), un gran angular de 48 MP (IMX581) e un telefoto de 32 MP (IMX709) – xunto cun flash LED. Do outro lado, na parte dianteira do dispositivo, leva unha cámara de 16 MP.
A batería é de 5000 mAh de capacidade, con carga rápida de 100 W, e na lista de opcións de conectividade non faltan o 5G, o Bluetooth 5.3, o WiFi 6, Dual SIM, NFC, USB-C e o porto jack de 3.5 mm para conectar os auriculares. O seu sistema operativo é Android 13, coa capa de personalización propia OxygenOS 13.
Dispoñibilidade e prezo
O novo OnePlus xa se pode mercar na China, onde está dispoñíbel en dúas cores – negro e verde – nas tres combinacións de memoria:
- 12 + 256 GB por uns 550 € ao cambio.
- 16 + 256 GB por uns 600 €.
- 16 + 512 GB por uns 670 €.
Está previsto que se poña á venda no Estado español o 7 de febreiro, aínda que polo de agora o fabricante non confirmou o seu prezo oficial de venda neste mercado.