Samsung anuncia oficialmente a serie Galaxy S23

O tradicional Samsung Unpacked invernal serviu a Samsung para presentar onte a nova serie Galaxy S23, considerada a principal liña de smartphones do fabricante surcoreano, e que un ano máis está formado por tres modelos: o Samsung Galaxy S23, Galaxy S23+ e Galaxy S23 Ultra.

En termos de deseño, consérvase a liña estética da xeración Galaxy S22, se ben introdúcense cambios nos modelos S23 e S23+, para asemellarse máis ao modelo superior, o Galaxy S23 Ultra, conseguindo unha uniformidade en toda a gama que o ano pasado era menos patente.

Samsung Galaxy S23 Ultra

O modelo tope de gama, o Samsung Galaxy S23 Ultra, leva no seu interior o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, e está dispoñíbel en diferentes combinacións de memoria: 8 + 256 GB, 12 + 512 GB ou 12 GB + 1 TB, para RAM e memoria interna, respectivamente. A súa pantalla é un panel de 6,8 polgadas, con tecnoloxía AMOLED Dynamic, resolución QHD+ e taxa de refresco de 120 Hz.

Na cámara atopamos, ao igual ca no modelo do 2022, un sistema de catro sensores na parte posterior, cun principal de 200 Mpx (gran novidade deste ano) con IOS, que se completa cun gran angular de 12 Mpx, un teleobxetivo de 10 Mpx e un segundo teleobxectivo 10x, tamén de 10 Mpx. Na parte frontal temos unha cámara de 12 Mpx.

A súa batería é de 5000 mAh de capacidade, con carga rápida de 45W e carga sen fíos de 15W. Dispón de conectividade 5G, Bluetooth 5.3, WiFi 6, NFC e porto USB-C. O sensor de pegadas dixitais está situado na pantalla, e completa a folla de especificacións a protección contra auga e pó IP68.

Máis aló de toda a ficha técnica do Galaxy S23 Ultra, o que o fai especial é contar co S-Pen, o lapis que ofrece un plus de produtividade á xente que usa o equipo para tomar notas ou debuxar, entre outros.

Samsung Galaxy S23+

Un chanzo por baixo está o Galaxy S23+, un dispositivo con pantalla de 6,6 polgadas AMOLED Dynamic con resolución FHD+ e taxa de refresco de 120 Hz. Comparte procesador co modelo superior, pero as opcións de memoria redúcense a 8 GB de RAM con 256 ou 512 GB de capacidade de memoria interna.

No apartado fotográfico temos tres sensores na parte posterior (principal de 50 Mpx Dual Pixel OIS, gran angular de 12 Mpx e teleobxectivo 3x de 10 Mpx), e a mesma cámara frontal de 12 Mpx ca no modelo Ultra.

A súa batería queda nos 4700 mAh de capacidade, con carga rápida de 45 W e carga sen fíos de 15W. O resto de especificacións relativas á conectividade coinciden coas do S23 Ultra.

Samsung Galaxy S23

O modelo máis básico da serie é a porta de acceso á serie, e tamén o dispositivo máis compacto, coa súa pantalla de 6,1 polgadas FHD+. Máis aló do tamaño, o S23 é igual en especificacións ao S23+, coa excepción das opcións de memoria (8 GB de RAM con 128 ou 256 GB) e as características das batería: 3900 mAh con carga rápida de 25 W e carga sen fíos de 15W.

Aposta polo software de cámara

Máis aló das melloras nos sensores, Samsung presume de melloras no procesado fotográfico para conseguir uns resultados superiores, para o cal o procesador Snapdragon 8 Gen 2 que integran resulta un gran aliado, especialmente para axudar coa fotografía e vídeo nocturno.

A cámara da nova serie S23 incorpora novas funcións sofware, se ben non todas elas virán preinstaladas de serie, pero poderán descargarse desde a tenda de aplicacións de Samsung, como xa pasaba con algunhas funcións avanzadas en modelos anteriores.

Dispoñibilidade e prezo

Samsung habilitou onte a compra anticipada dos tres modelos, cun rango de prezos que van desde os 959 € até os 1829 €, como podemos ver no seguinte cadro:

Modelo128 GB256 GB512 GB1 TB
Samsung Galaxy S23959€1019€
Samsung Galaxy S23+1209€1329€
Samsung Galaxy S23 Ultra1409€1589€1829€

Todos eles están dispoñíbeis en catro cores, Plantom Black (negro), Cream (crema), Green (verde escuro) y Lavander (lavanda). Porén, na páxina de Samsung pódense adquirir tamén en cores exclusivas.

Sobre o autor

Reply