A operadora Lowi – marca de baixo custe de Vodafone – anunciou esta semana a chegada do 5G a todas as súas tarifas, unha novidade que será efectiva a partir do mércores 16 de agosto. As usuarias da compañía non terán que facer nada para desfrutar desta novidade, máis aló de dispoñer dun dispositivo compatíbel con esta tecnoloxía.
A conectividade 5G ofrece velocidades de conexión de até 1 Gbps de descarga, se ben é certo que en condicións óptimas, polo que na experiencia diaria as usuarias gozarán dunhas cifras moito máis contidas. Segundo apunta Lowi, esta tecnoloxía está dispoñíbel en máis de 2.000 concellos de todo o Estado español.
O 5G de Lowi estará dispoñíbel por defecto en todas as tarifas da compañía, sen custes adicionais. Ademais do 5G, as usuarias de Lowi tamén desfrutarán do servizo VoLTE de forma progresiva desde o mes de setembro, unha tecnoloxía que facilita chamadas de voz en alta definición sen custe adicional e sen consumir datos de tarifa.