O fabricante chinés OPPO vén de anunciar a chegada ao noso país do seu novo dispositivo, o OPPO A78 4G, un modelo que incorpora interesantes melloras, como a súa pantalla FHD+ AMOLED, dobre altofalante estéreo ou carga rápida SuperVoocTM de 67W para os seus 5000 mAh de capacidade de batería.
Cun deseño ultradelgado de 7.83 mm e un peso de 180 gramos, o novo OPPO A78 4G tamén aposta pola durabilidade, saíndo á venda con ColorOS 13.1, unha versión de Android que se irá actualizando para ofrecer un rendemento axeitado durante catro anos, segundo apunta o propio fabricante.
A tecnoloxía de carga rápida ofrece ás usuarias a posibilidade de cargar o 100 % da batería en 44 minutos, e ademais, co Battery Health Engine de OPPO, pódese prolongar a vida útil da batería con 1600 ciclos de carga e descarga. O dispositivo tamén implementa a tecnoloxía All-Day Charting, que aprende de forma intelixente dos hábitos de carga diarios para axustar a velocidade de carga en consecuencia.
A pantalla AMOLED FHD+ é de 6,4 polgadas, e ten unha taxa de refresco de 90 Hz e un brillo xeral de até 600 nits. Incorpora o lector de pegadas dixitais directamente en pantalla, un elemento que sendo habitual na gama media – alta e alta, aínda se ve pouco no rango de prezos no que se move este modelo.
A súa cámara principal é de 50 MP, e mediante software, permite gravar de maneira simultánea as cámaras dianteiras e traseira para combinar as imaxes nun único fotograma. Ademais dispón de altofalantes estéreo duais e Real HD Sound 3.0 para ofrecer un son óptimo axustado a diferentes escenarios, como música, vídeo e xogos.
No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 680, xunto con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábeis con tarxetas microSD de até 1 TB.
Dispoñibilidade e prezo
O OPPO A78 4G está dispoñíbel en dous acabados de cores frescos: Aqua Green e Mist Black desde este xoves, 10 de agosto, por 269 euros.