Durante o último trimestre do ano aparecen algúns dispositivos chamados a protagonizar a campaña de compras de Nadal, e se hai unha marca que non adoita faltar a esta cita é Samsung. O fabricante surcoreano está a preparar o Samsung Galaxy S23 FE, un dispositivo semellante aos Galaxy S23 anunciados a comezos de ano, pero algo máis económico e compacto, no rango dos 600 euros.
O vídeo, filtrado por Evan Blass, descubre o deseño dun modelo fabricado en metal con parte traseira de cristal, que segundo apuntan outras fontes, vai estar dispoñíbel en catro cores: verde menta, violeta, branco e negro.
En canto ás características, o novo Samsung Galaxy S23 FE virá cunha pantalla AMOLED de 6,4 polgadas, e cámara principal de 50 Mpx (acompañada por un sensor gran angular de 12 MPx e un telefoto con aumento óptico de 3x), sendo aínda unha incógnita o procesador elixido, que podería ser un Exynos 2200, de fabricación propia, ou un Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1.