Vodafone completou onte a primeira chamada 5G desde o Espazo empregando un smartphone estándar, o Samsung Galaxy S22, un modelo que soporta a tecnoloxía que achega este tipo de chamadas que os operadores pretenden comezar a incluír entre os seus servizos.
A chamada, desde Hawai a Madrid, realizouse empregando a rede de satélites en probas BlueWalker 3 de AST SpaceMobile. Dita rede satelital de baixa latencia é a máis grande das despregadas en órbita terrestre baixa.
Noutra proba independente, AST SpaceMobile e Vodafone tamén superaron o seu recórd anterior de sesión de datos de banda larga móbil baseada en conectividade espacial, ao conseguir unha velocidade de descarga de case 14 Mbps. Grazas a esta tecnoloxía, poderanse conectar millóns de persoas a Internet desde as rexións ou lugares máis remotos a través de smartphones estándar.
Este fito chega despois de que en xuño deste mesmo ano AST SpaceMobile tivese completado con éxito a primeira chamada 4G desde o Espazo, e vai na liña do obxectivo de lanzar cinco novos satélites comerciais BlueBird durante o primeiro trimestre de 2024.