A segunda xeración das TAB 10 de TCL xa se poden mercar no noso país

O fabricante chinés TCL vén de anunciar a dispoñibilidade no noso país de dúas das súas novas tablets de segunda xeración, as TCL TAB 10 Gen2 e TCL TAB 10L Gen2, que supoñen unha actualización de dous dos seus modelos máis vendidos, e que destacan por contar cunha boa relación calidade – prezo no marco dunha gama de entrada básica. Entre as súas novidades, destacan o seu deseño, máis lixeiro, e unha batería que permite unha maior duración das horas de uso.

O modelo superior, a TCL TAB 10 Gen2, incorpora unha pantalla con resolución 2K de 10,36 polgadas, o que fai que sexa un dispositivo axeitado para o consumo de multimedia. Dispón na parte frontal dunha cámara de 5 MP optimizada para videochamadas, e na parte posterior, incrustada nunha traseira con acabado metálico, unha cámara de 8 MP.

No interior leva un procesador MediaTek Helio P22T, de oito núcleos, e 4 GB de memoria RAM, que se combinan con opcións de 64 ou 128 GB de memoria interna, e que ademais poden ampliarse con tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.

Pola súa banda, a TCL TAB 10L Gen2 é unha tablet un pouco máis asequíbel, con pantalla HD de 10,1 polgadas, procesaro MT8766B de catro núcleos, 3 GB de memoria RAM e unha memoria interna bastante xusta, de 32 GB, aínda que compatíbel tamén coas tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade.

Este modelo está orientado ás crianzas, polo que inclúe Google Kids Space, un modo infantil que inclúe apps e xogos orientados a adentrarse no uso destes dispositivos de modo seguro.

Dispoñibilidade e prezo

Ambas as dúas tablets xa están dispoñíbeis no noso país, podendo adquirirse a TCL TAB 10 Gen2 por 129 €, mentres que a TCL TAB 10L Gen 2 está dispoñíbel por 110 €.

Sobre o autor

Reply