Fíltranse os Pixel 8 a escasos días da súa presentación

O próximo 4 de outubro Google presentará os novos Pixel 8 e Pixel 8 Pro, mais como é habitual no sector tecnolóxico, a compañía vén de sufrir unha filtración que descubriu todas as súas características, así como imaxes de alta calidade dos dispositivos e mesmo os prezos cos que sairán ao mercado.

Grazas a estas filtracións sabemos que os novos dispositivos de Google contarán con pantallas AMOLED de 6,2 polgadas, no caso do Pixel 8, e de 6,7 polgadas no caso do Pixel 8 Pro, en ambos casos con protección fronte pequenos golpes e rabuñadas Gorilla Glass Victus 2, 2400 nits de potencia de brillo e taxa de refresco de 120 Hz. No interior, leva un procesador Tensor 3, xunto cun coprocesador Titan M2.

No apartado fotográfico temos importantes diferenzas entre os dous dispositivos, xa que o Pixel 8 integra unha cámara principal de 50 MP Octa PD, cun gran angular de 12 MP para reforzar a experiencia fotográfica. Por outro lado, o Pixel 8 Pro aposta por un sistema de triple cámara, sendo o sensor principal o mesmo ca o do Pixel 8, pero completándoo cun sensor gran angular de 48 MP e un telefoto, tamén de 48 MP, con zoom de até 30 aumentos. A cámara frontal é nos dous trebellos é a mesma, un sensor de 10.5 MP Dual PD.

Haberá diferenzas tamén nas memorias, onde o Pixel 8 levará 8 GB de RAM, con opcións de 128 e 256 GB de almacenaxe interna, mentres que o Pixel 8 Pro terá 12 GB de RAM e unha memoria de 512 GB ou 1 TB, aínda que parece que esta última combinación só estará dispoñíbel nos Estados Unidos.

A batería fica nos 4575 mAh con carga rápida de 27 W e carga sen fíos de 18 W para o Pixel 8, e 5050 mAh con carga rápida de 30 W e carga sen fíos de 23 W para o Pixel 8 Pro. Ambos os dous dispoñen de lector de pegadas dixitais baixo a pantalla, ademais de WiFi 7, Bluetooth 5.3 e NFC.

Intelixencia artificial e até 7 anos de actualizacións

A experiencia software dos novos Pixel virá da man da intelixencia artificial (IA), que Google empregará para a mellora da calidade das chamadas, para tradución en tempo real e na redución dos vídeos que gravemos coa cámara.

Ademais, partindo de Android 14, Google promete sete anos de actualizacións do sistema operativo Android, co obxectivo de que as usuarias poidan aproveitar os seus dispositivos o maior tempo posíbel.

Dispoñibilidade e prezos

Estes modelos non serán oficiais até a súa pesentación, o próximo 4 de outubro, e nesa data abrirase tamén o perído de reserva. A falta de confirmación oficial, os prezos partirían de 799 € para o Pixel 8, e de 1099 € para o Pixel 8 Pro.

Ademais, as persoas que merquen estes modelos no período de precompra, recibirían como agasallo uns Pixel Buds Pro, valorados en 219 euros, ou un GOogle Pixel Watch 2, que rondará os 350 euros. Haberá que ver se Google ofrece esta promoción só nos Estados Unidos ou tamén para as compradoras do noso país.

Fonte: 91

Sobre o autor

Reply