O Xiaomi 13T Pro ponse á venda con grandes ofertas e até 1 TB de capacidade

O pasado 26 de setembro Xiaomi anunciou o novo Xiaomi 13T Pro, o primeiro dispositivo do fabricante chinés que inclúe un modelo con 1 TB de capacidade de almacenaxe interna. Non foi o único anunciado nesa xornada, na que tamén puidemos ver o Xiaomi 13T, da mesma serie e moi semellante, pero cunha folla de especificacións algo máis modesta.

Xiaomi 13T vs Xiaomi 13T Pro

Como avanzamos, os dous dispositivos son moi semellantes, compartindo boa parte da súa folla de especificacións. Así, as principais características comúns son as que seguen:

  • Pantalla: ambos levan unha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas, con resolución 2712 x 1220 píxeles, un brillo máximo de até 2600 nits e frecuencia de 144 Hz.
  • Sistema de cámaras: os dous trebellos ofrecen un sistema de cámara principal formado por tres sensores, todos eles fabricador por Leica. O principal é o LEICA VARIO-SUMMICRON 1:1.9-2.2/15-50mm ASPH, de 22 mm e 50 MP, e está acompañado dun sensor telefoto de 50 MP e un ultra panorámico de 12 MP. A cámara dianteira é de 20 MP, con f/2.2
  • Outros: Dual SIM, 5G, NFC, Bluetooth 5.4, resistencia a auga e pó segundo o estándar IP68, lector de pegadas dixitais baixo a pantalla.

No caixón das diferenzas, atopámolas principalmente no que ten a ver coa potencia e con algunha funcionalidade extra:

  • Procesador: o Xiaomi 13T leva un procesador MediaTek Dimensity 8200 Ultra, mentres que o Xioami 13T Pro aposta polo MediaTek Dimensity 9200+, con maior rendemento.
  • Batería: malia que ambos apostan por 5.000 mAh de capacidade de batería, a carga rápida do 13T queda nos 67 W, sendo practicamente do dobre no 13T Pro, con 120 W.
  • Outros: na conectividade WiFi, o Xiaomi 13T é compatíbel con WiFi 6, mentres que o Xiaomi 13T Pro chega xa con WiFi 7, a última versión comercial do sistema de conectividade sen fíos máis habitual nas nosas casas e empresas.

Promoción de lanzamento

Como é habitual na compañía, Xiaomi vén de poñer en marcha unha oferta de lanzamento (Early Bird), grazas á cal pódese adquirir o novo Xiaomi 13T Pro ou o Xiaomi 13T cun televisor Xiaomi TV A2 de 43 polgadas totalmente de balde. Esta promoción está dispoñíbel a través de mi.com, Media Markt e El Corte Inglés até o 7 de outubro, e se extenderá durante todo o mes de outubro nos operadores participantes.

Aínda que existen diferentes versións, no Estado español o Xiaomi 13T comercialízase só coa configuración de 8 + 256 GB en negro, azul e verde por 659,99 €, mentres que o Xiaomi 13T Pro pódese adquirir en negro, azul e verde con 12 + 256 GB por 799,99 €, 12 + 512 GB por 909,99 € ou con 16 + 1 TB por 1099,99 €.

Sobre o autor

Reply