Os novos Chromebook Plus veñen con máis rendemento e funcións de IA

Logo de máis de dez anos no mercado, os Chromebook de Google amosan un alto grao de madurez, con dispositivos moi orientados á nube que teñen acadado certa relevancia nalgúns mercados, e especialmente nalgúns sectores, como o da educación. Agora a compañía vai un paso máis con Chromebook Plus, que ofrece un maior rendemento e aplicacións de Google integradas con todas as novidades de Intelixencia Artificial (IA).

Google afirma ter traballado man a man con tres fabricantes (Acer, ASUS e HP) co obxectivo de facilitar ás usuarias a escolla do seu novo ordenador portátil, grantindo un estándar de rendemento para poder desenvolver as tarefas do día a día. Esta colaboración materialízase en tres novos portátiles Chromebook Plus, que chegan ao mercado a partir dos 449 €.

Todos eles dispoñen dunhas especificacións hardware mínimas, que son as que se destacan a continuación:

  • CPU: Intel Core i3 de 12.ª xeneración ou posterior, ou been AMD Ryzen 3 serie 7000 ou posterior.
  • RAM: 8 GB ou máis
  • Almacenamiento: 128 GB ou máis
  • Cámara web: 1080p+ con redución de ruido temporal
  • Pantalla: IPS Full HD ou superior.

Os modelos de partida de Acer e Asus coinciden en incluír un panel FHD de 14 polgadas, 8 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe, un procesador AMD no caso de Acer e un Intel Core no Asus. O HP parte dunha configuración con pantalla FHD de 15,6 polgadas e 256 GB de almacenaxe interna.

Funcionalidades “Plus

A importancia do teletraballo e as comunicacións a distancia tradúcese nestes dispositivos na incorporación de cámaras web de maior calidade, integrando algunhas das funcións premium de Google Meet a Chromebook Plus, con IA para mellorar a claridade e a iluminación das chamadas, cancelar o ruído de fondo e desenfocar os fondos con tan só un par de toques. Ademais, estas funcionalidades, pódense usar máis aló de Google Meet, incluíndo apps como Zomm ou Microsoft Teams, entre outras.

Tamén xoga un papel destacado a edición de fotografías, coa integración de ferramentas de creación Adobe Photoshop, Adobe Express e LumaFusion. Estre estas funcionalidedes están o borrador máxico baseado en IA, para eliminar obxectos ou persoas das fotografías, a creación dun efecto HDR que mellora o brillo e o contraste, ou a posibilidade de aplicar o desenfoque do modo retrato con posterioridade a ter tomado a imaxe.

Ademais das funcionalidades integradas directamente, as persoas que adquiran un Chromebook Plus, poderán desfrutar durante tres meses de Adobe Photoshop e Adobe Express na web sen custe adicional, así como tamén dun desconto no paquete de ferramentas de edición de vídeo de LumaFusión do 25% no prezo de pago único (34,99 €).

Máis con IA

Google promete moita innovación na aplicación da Intelixencia Artificial (IA) aos novos Chromebook Plus, coa integración de DuetAI en Google Workspace, e funcionalidades que están por chegar, entre elas a xeración e mellora de textos ou a creación de imaxes, tanto para aplicar a fondos de escritorio como para empregar, por exemplo, como fondo dunha videochamada.

Dispoñibilidade e prezos

Os novos Chromebook Plus poranse a venda o próximo 9 de outubro, a través das principais redes de minoristas.

Sobre o autor

Reply