A chegada dos novos Google Pixel 8 e Pixel 8 Pro supuxo tamén o lanzamento oficial de Android 14, a nova versión de Android, que chega 14 meses despois da saída de Android 13. Faino ademais cargado de novidades, algunhas das cales xa as tiñamos visto noutros fabricantes ou noutros sistemas operativos, pero varias delas son unha primicia.
Como toda nova versión do sistema operativo, Android 14 recibe pequenos cambios de interface, baseándose no Material You que coñecemos con Android 12. Non serán grandes novidades, pero si que van na liña de ofrecer unha experiencia máis personalizada, con novos aspectos para a pantalla de bloqueo e máis opcións para os temas, incluíndo a posibilidade de facelos monocromo, adaptándoos a unha escla de grises máis eficiente e con menos distraccións.
En canto á seguridade, Google segue avanzando na forma en que nos amosa os permisos que teñen as aplicacións, para que sexa moito máis doado de saber cales teñen. Tamén pon como predefinida a protección de pantalla mediante código PIN de 6 díxitos, que poden ser máis se así o queremos.
Con Health Connect simplifícase a conexión coas diferentes aplicacións, para que a información e datos sobre a a nosa saúde estea maís ordeada, e tamén gardada controlando a privacidade. E se falamos da saúde do dispositivo, cómpre destacar a posibilidade de ver os ciclos de batería, unha funcionalidade que nos permite saber o estado real e vida útil da mesma.
No apartado multimedia, destaca un streaming máis eficiente, grazas ao soporte ao códec AV1, ou o uso do móbil como webcam para un ordenador, que pode empregarse con calquera aplicación de videochamadas. Tamén inclúe melloras na gravación de pantalla, podendo elixir que se grave só a aplicación que queiramos, sen as notificacións que ás veces estropean unha gravación deste tipo.
Outra das novidades é a posibilidade de configurar o flash con diferentes tipos de destello para avisarnos de notificacións ou chamadas, ou un novo xesto que permite ver unha vista preliminar ao dar atrás.
A Intelixencia Artificial (IA) gaña peso nesta nova versión, axudándonos a resumir textos de páxinas web de forma áxil, ou traducindo correos electrónicos recibidos noutra lingua diferente á habitual directamente desde a app de Gmail.
Dispoñibilidade de Android 14
Ademais de nos novos Pixel 8 e Pixel 8 Pro, Android 14 xa se pode descargar e instalar nos seguintes teléfonos Google Pixel: Pixel 4A 5G, Pixel 5, Pixel 6, Pixel & Pro, Pixel 6A, Pixel 7 e Pixel 7 Pro.
Tamén está previsto que Android 14 chegue nas próximas semanas aos modelos de outros fabricantes como Samsung, Xiaomi, OPPO, Realme, Vivo ou OnePlus, aínda que coa súa capa de personalización.