Os novos Pixel 8 e Pixel 8 Pro de Google presentáronse onte xunto con Android 14, a última versión de Android. E aínda que poucas sorpresas houbo no listado de especificacións polas filtracións dos últimos días, o evento deixou algúns titulares e permitiu coñecer máis a fondo algunha das novas funcións destes dous dispositivos, moitas ligadas á aplicación da Intelixencia Artificial (IA).
Especificacións técnicas
A continuación poden compararse as características técnicas de ambos modelos presentados onte por Google, o Pixel 8 e o Pixel 8 Pro.
Pixel 8 | Pixel 8 Pro | |
---|---|---|
Pantalla | Panel OLED de 6,2 polgadas Resolución 2400 x 1080 píxeles (428 ppp) Refresco 120 Hz Brillo 2000 nits (pico) | Panel OLED de 6,7 polgadas Resolución 2992 x 1344 píxeles (489 ppp) Refresco 120 Hz Brillo 2400 nits (pico) |
Procesador | Google Tensor G3 | Google Tensor G3 |
RAM | 8 GB | 12 GB |
Almacenaxe interna | 128 / 256 GB | 128 / 256 / 512 GB |
Cámara frontal | 10,5 MP, f/2.2 | 10.5 MP, f/2.2 |
Cámara traseira | Principal 50 MP, f/1.68, OIS Gran angular 12 MP, f/2.2 | Principal: 50 MP, f/1.68, OIS Gran angular 48 MP, f/1.95 Teleobxectivo 5x: 48 MP, f/2.8, OIS |
Batería | 4575 mAh Carga rápida 45W Carga sen fíos | 5050 mAh Carga rápida 45W Carga sen fíos |
Conectividade | 5G / WiFi 6E / Bluetooth 5.3 / NFC | 5G / WiFi 6E / Bluetooth 5.3 / NFC |
Outros | Lector de pegadas dixitais en pantalla, IP68 | Lector de pegadas dixitais en pantalla, IP68, sensor de temperatura |
Sistema operativo | Android 14 | Android 14 |
Prezo | 799 € (desde) | 1099 € (desde) |
Máis aló das especificacións, ambos os dous modelos destacan por contar cun deseño cunhas siluetas mellor definidas, e unha construción na que se combina o metal con materiais reciclados e o cristal, protexido por Gorilla Glass Victus tanto na pantalla como no resto de acabados.
O Pixel 8, coa súa pantalla de 6,2 polgadas, resulta na man algo máis pequeno ca o seu predecesor, o Pixel 7, e mellora o seu brillo nun 42% respecto a este. Pola súa banda, o Pixel 8 Pro aposta polas 6,7 polgadas, cun panel que destaca polo realismo das imaxes ultra HDR, segundo informa o fabricante.
Melloras nas cámaras
Un dos aspectos nos que máis destaca Google cos seus dispositivos é no das cámaras e a fotografía, especialmente pola súa capacidade para o procesado durante e despois da toma.
Ambos os dous modelos dispoñen do mesmo sensor principal traseiro, se ben o Pixel 8 Pro está mellor acompañado para conseguir uns resultados superiores, cun ultra gran angular máis grande e que ofrece un enfoque macro aínda máis potente, e un teleobxectivo que captura un 56% máis de luz e é capaz de facer fotos 10x con calidade óptica. A cámara dianteira, igual en ambos modelos, dispón de enfoque automático para unha maior precisión nos autoretratos.
Pero se importante é o hardware, máis importante é a experiencia software. Google redeseñou a aplicación de cámara cunha interface máis intuitiva, que permite atopar contidos con maior rapidez nos modos de foto e vídeo. No caso do Pixel 8 Pro, tense ademais acceso aos Controis Pro, que ofrecen opcións de control máis profesionais, como o axuste da velocidade de obturación ou a sensibilidade ISO, ademais de facer fotos de 50 MP en todo o intervalo de zoom, entre outras.
Tamén leva a funcionalidade “Mellor versión”, que fai unha composición de varias tomas, e que permite tomar fotos de grupo a partir da combinación de varias tomas para que todo o mundo saia ben, e o Editor Máxico, cunha nova experiencia asistida por IA xenerativa, para axudar a captar a mellor foto en cada momento.
No vídeo, destaca o Borrador Máxico de Audio, qque axuda a reducir os sons que molestan na toma, como o do vento ou o ruído do entorno. Funciona grazas á utilización de modelos avanzados de aprendizaxe automático, distribuíndo os sons en diferentes capas para controlar os seus niveis respectivos.
Outras curiosidades
Ambos modelos levan a función Resumir, que xera un resumo dunha web ou dun artigo con IA, para poder saber de que vai dun vistazo, e melloran a escoita por voz, facendo unha pausa cando, por exemplo, facemos un “ehhhh” ou “ummm” no medio dunha frase. Outra novidade é o asistente de chamadas potenciado por IA para recibir menos chamadas comerciais, e que tamén pode responder en segundo plano ás chamadas de números descoñecidos.
O Pixel 8 Pro integra na súa parte posterior un sensor de temperatura, co que se pode apuntar aos obxectos para medir a súa temperatura. Entre os exemplos de uso, Google sinala a posibilidade de ver o quente que está unha tixola ou o biberón que temos preparado para a nosa crianza.
En canto ao software, os dos trebellos veñen con Android 14, con 7 anos de actualizacións garantidas.
Dispoñibilidade e prezo
Tanto o Pixel 8 como o Pixel 8 Pro estarán dispoñíbeis para mercar a partir do 12 de outubro, tanto na Google Store como nas redes de tendas físicas de Media Markt e El Corte Inglés, aínda que xa se poden reservar.
O Pixel 8 pode mercarse nos acabados Verde Liquen, Obsidiana e Rosa, cun prezo de 799 euros para a versión de 128 GB, e de 859 €, para a de 256 GB. Pola súa banda, o Pixel 8 Pro pode adquirirse por 1099 € na versión de 128 GB; 1159 €, na de 256 GB, e 512 GB, na de 1299 € nas cores Celeste, Obsidiana e Porcelana.