Pixel Buds Pro e Pixel Watch 2, os novos wearables de Google

Xunto cos anuncios dos novos Pixel 8 e Pixel 8 Pro, ademais de Android 14, Google tamén deu a coñecer onte a súa nova gama de dispositivos complementarios, entre os que se atopan os novos auriculares Pixel Buds Pro e o smartwatch Pixel Watch 2.

Pixel Buds Pro

Os novos Pixel Buds Pro son unha actualización do modelo presentado por Google o ano pasado, incorporando diversas melloras e novas funcionalidades prácticas, nas que destaca o uso da intelixencia asistida pola IA de Google.

Moitas destas novidades de IA teñen que ver con ofrecer unha experiencia de audio superior, para o cal fan uso da super banda ancha Bluetooth dos Pixel 8 / Pixel 8 Pro para que as voces dos nosos interlocutores soen máis nítidas e naturais, reducindo o ruído de fondo e dando prioridade á voz.

A IA tamén detecta cando comezamos a falar con outras persoas que, por exemplo, nos atopamos na rúa. Así, se temos activada a funcionalidade de Detección de Conversas, os auriculares descubren que comezamos a falar e reaccionan pausando a música, desactivando a cancelación de ruído e cambiando ao Modo Son Ambiente, que permite oír todos os sons do entorno. Ao rematar de falar, os auriculares reanudan automaticamente a reprodución de música, volvendo á configuración orixinal.

Máis aló de ser compatíbeis cos teléfonos Pixel (e tamén teléfonos de outras marcas), Google tamén anunciou a chegada da aplicación Pixel Buds aos Chromebooks, como os novos Chromebook Plus, grazas ao cal se pode configurar os auriculares, cambiar os modos ou instalar as actualizacións de firmaware.

Pixel Watch 2

Se falamos de reloxos, o Pixel Watch 2 ofrece grandes melloras repecto á versión anterior, tanto estéticas como de funcionalidades, integrando novos sensores de parámetros de saúde, un seguimento mellorado da frecuencia cardíaca, novidades en seguridade e unha autonomia mellorada.

Externamente, Google refinou o deseño da esfera de vidro, cunha caixa fabricada con aluminio 100% reciclado, e un 10% máis lixeiro ca versión anterior. A coroa resulta agora máis estilizada, tendo aumentado o seu tamaño para facilitar o manexo e a navegación.

Na parte máis técnica, temos unha CPU de catro núcleos, que conta cun coprocesador de baixo consumo para cargas de traballo sempre activas, e que ofrece unha autonomía abondapara rematar o día, contando ademais con carga rápida capaz de cargar o 50% da batería en media hora.

Porén, as principais novidades témolas na incorporación de tres novos sensores que teñen por obxectivo proporcionarnos información máis detallada sobre o estado de saúde: un de frecuencia cardíaca, que funciona asistido por IA e emprega unha serie de LEDs para proporcionar unha lectura de maior precisión; un de actividade electrodérmica continua (cEDA), capaz de proporcionar signos potencias de estrés empregando un algoritmo de aprendizaxe automático que ten en conta a frecuencia cardíaca e a súa variabilidade; e un terceiro de temperatura da pel, que monitoriza ás usuarias mentres están durmindo, ofrecendo información sobre a calidade do sono.

Tamén facilita o novo Pixel Watch 2 os adestramentos, amosando recordatoraios de inicio e fin de actividade para 7 modalidades de exercicio como correr ou o ciclismo ao aire libre, e achegando todas as métricas de saúde e forma física de Fitbit, rexistrando até 40 variedades de exercicio.

Dispoñibilidade e prezo

O novo modelo dos Pixel Buds Pro, dispoñíebl en cor Celeste, pódese adquirir por 229 € na Google Store, máis tamén en Amazon, Media Markt, El Corte Inglés ou a operadora Orange.

Pola súa banda, o Pixel Watch 2 porase á venda a partir do 12 de outubro por 399 €, pero xa se pode reservar na Google Store, Fitbit, Amazon, MediaMarkt, El Corte Inglés e Orange.

Sobre o autor

Reply