Póñense á venda os auriculares OPPO Enco Air3

OPPO anunciou a posta á venda no noso país dos OPPO Enco Air3, uns auriculares sen fíos que foron presentados o pasado mes de xullo e que agora poden adquirirse a través da tenda online do fabricante e de outras canles comerciais por 89 €, estando dispoñíbel en branco e verde.

Os novos auriculares de OPPO inclúen unha novidade non vista antes neste segmento de produto, ao ser os primeiros en incluír un diafragma de fibra de bambú, que resulta un 60% máis lixeiro respecto ao diafragma de chapado en titanio, o que permite responder aos cambios de son con maior rapidez. Ao mesmo tempo, resulta un 56% máis ríxido, facendo que sexa menos susceptíbel á deformación e reducindo a distorsión. Por último, a aposta por este material contribúe á diminución do ruído, ao ofrecer unha amortiguación interna un 63% máis elástica.

Tamén son compatíbeis os OPPO Enco Air3 co sistema de cancelación de ruído ANC adaptativo de 49 dB certificado por TÜV Rheinlando, que ofrece unha experiencia de escoita moito máis inmersiva. En termos de transmisión, emprega o protocolo LDAC, que permite transmitir audio a unha velocidade de bits de até 990 kbps, 3 veces máis rápido ca os codificadores SBC tradicionais, preservando o detalle do audio.

A súa batería ofrece unha autonomía de 7 horas, que co estoxo de carga pode ofrecer até 30 horas de duración da batería. Co sistema de carga rápida, con tan só 10 minutos de carga no estoxo conséguese ter 2 horas de tempo de escoita.

Tamén é relevante o uso de Bluetooth 5.3, que ofrece unha baixa latencia (47 ms) nos auriculares, ao tempo que ten un baixo consumo enerxético, e a súa resistencia ao pó e auga segundo a certificación IP55, o que fai que sexan axeitados para a práctica de deporte ao aire libre.

Sobre o autor

Reply