Vivo anuncia Funtouch OS 14, a actualización do seu sistema operativo baseado en Android 14

Esta semana vivimos importantes momentos no panorama Android, co lanzamento de Android 14, que desde o pasado mércores xa poden desfrutar as usuarias dos dispositivos Pixel. Como xa avanzamos, agora é a quenda do resto de fabricantes, aqueles que empregan sistemas operativos que, malia estar baseados en Android, ofrecen unha experiencia personalizada, tanto na estética como noas funcións.

O primeiro fabricante en anunciar novidades neste senso é Vivo, que hoxe presenta Funtouch OS 14, a nova actualización do sistema operativo que empregan os seus terminais. Esta versión ofrece ás usuarias unha experiencia máis fluída, grazas ás melloras na xestión de memori e a multitarefa, pero tamén novas opcións de privacidade, personalización e seguridade, ademais de novas ferramentas para a edición de vídeo.

Entre as novidades de Funtouch 14 atopámonos Smooth Envision, que ao reducir o número de procesos e optimizar o uso da RAM, permite mellorar o rendemento xeral do sistema, a capacidade de resposta e a posibilidade de manter máis aplicacións activas de xeito simultáneo. Nalgúns modelos, esta fluidez tamén se consegue visualmente con Motion Blur, que emprega algoritmos avanzados para simular o desenfoque por movemento ao abrir e pechar aplicacións na pantalla de inicio, garantindo unhas transicións visuais suaves.

A mellora na visualización de aplicacións en segundo plano fai que sexa máis doado navegar e entender o campo de axustes, de maneira que as usuarias poden manter activas até 12 ventás pequenas en segundo plano. Tamén se introduce un novo modo de ventá pequena non interactiva, que permite centrarse nunha aplicación e seguir supervisando outras, como pode ser visualizar un traxecto, ao tempo que se mira un vídeo e chatea nunha app de mensaxería.

Funtouch OS 14 tamén destaca pola nova gama de opcións de personalización, incorporando tres novos deseños de reloxo para a pantalla de bloqueo e oito estilos de fonte. Os modos “sempre visíbel” e o novo tema minimalista tamén ofrecen máis opcións para as usuarias de Vivo, que tamén teñen dispoñíbel o novo tema monocromático “MY colour palette”, baseado no deseño de Android Material You.

As persoas máis creativas poderán desfrutar da creación de contido sen ter que depender de aplicacións de terceiros para a edición de vídeo. Agora, as usuarias poden exportar vídeos en calidade orixinal, incluídas resolucións 4K a 60 FPs, o que permite un maior control creativo. Tamén se engaden 25 filtros exclusivos para a personalización de vídeo,

Por último, en termos de seguridade, Funtouch OS 14 permite compartir a pantalla do dispositivo mentres se mantén un control total da información persoal, grazas á función Smart Mirroring, que permite compartir pantalla sen preocuparse de que aparezan notificacións que revelen accidentalmente información persoal. Tamén as fotos ocultas contan agora cunha protección adicional de verificación de contrasinal.

Logo do anuncio de Funtouch OS 14, Vivo prevé dar conta nas próximas datas dun cronograma coas datas de actualización dos seus terminais á nova versión de Android 14.

Sobre o autor

No Responses

Reply