Este mércores 11 de outubro Samsung fará o lanzamento mundial da Galaxy SmartTag2, a súa etiqueta intelixente que permite controlar os obxectos de valor. Trátase dunha actualización da súa SmartTag, cun deseño renovado e algunhas novidades nas súas funcións.
Entre estas novidades está o Modo Perdido, que permite ás usuarias introducir a súa información de contacto a través dunha mensaxe, de maneira que calquera que descubra un obxecto cunha Galaxy SmartTag2 poderá usar o seu móbil para escaneala e ver a mensaxe coa información da persoa propietaria. Este Modo Perdido funciona con calquera dispositivo con lector NFC e navegador web.
Así mesmo, tamén ofrece unha función mellorada de visualización da brúxula, que mellora a experiencia ao proporcionar frechas que amosan a dirección e a distancia da Galaxy SmartTag2 respecto ao usuario, aínda que esta función está limitado a terminais móbiles Galaxy compatíbeis con UWB, como a serie Galaxy S23.
Samsung tamén actualizou a aplicación SmartThings Find, con novas Galaxy SmartTags rexistrada que agora instalan un acceso directo á aplicación no smartphone, permitindo abrir SmartThings Find máis rápido. Tamén se integra unha vista de mapa a pantalla completa e unha interface máis intuitiva, e un modo de paseo para mascotas, que facilita o rexistro das rutas.
A Galaxy SmartTag2 tamén inclúe un novo Modo de Aforro de Enerxía, dispoñíbel xunto co modo Normal. Co modo Aforro, a batería dura até 700 días, máis do dobre ca nos modelos anteriores de Galaxy SmartTag, mentres que no modo Normal fica nos 500 días, un 50% máis ca nos modelos anteriores.
O seu deseño mellora, cun anel metálico máis duradeiro e resistente, doado de usar con chaves, bolsas ou equipaxes. Tamén se inclúe certificación IP67 de resistencia a auga e pó.
Como funcionan?
As Galaxy SmartTag2 funcionan aproveitando as capacidades de Bluetooth Low Energy (BLE) e UWB, e incorpora a tecnoloxía Augmented Reality (AR) Find, para guiar visualmente ás usuarias cara o obxecto, empregando a cámara do seu smartphone. Funciona cun alcance máximo de Bluetooth de 120 metros, e pode controlar electrodomésticos intelixentes a través da aplicación SmartThings.
Outro uso é asociado coa SmartThings Station, que está integrado con SmartThings Find, e serve como escáner de dispositivos na casa, axudando a facer seguimento de obxectos de valor que teñen unha SmartTag. Así, a estación notificará a ubicación dos obxectos etiquetados, que poden ser desde o mando da TV, carteira, chaves… até smartphones, tablets ou auriculares. Se se emprega nun colar dunha mascota, tamén se recibirá unha alerta cando este se afaste da estación.