Os Bombeiros de Verín interviron o pasado venres á tardiña nunha incendio dunha vivenda da Praza García Barbón de Verín, provocado por un teléfono móbil que se atopaba cargando sobre unha mesa auxiliar dunha habitación. Malia que ninguén resultou ferido no incidente, a cociña e o salón da vivenda resultaron afectadas polo fume, quedando o piso inhabitábel, segundo indican desde a AXEGA.
Non se trata dun caso illado, pois onte coñecemos o caso dun rapaz de 25 anos falecido na localidade de Bera a consecuencia das queimaduras provocadas pola explosión dun dispositivo electrónico que tiña ao lado da cama mentres durmía, aínda que neste caso as investigacións están a determinar se foi unha explosión fortuíta (ou por unha caída), ou se estaba cargando.
Malia que os dispositivos que manexamos no noso día a día son extremadamente seguros, resulta importante asumir certos coidados para garantir a súa seguridade. Así, nos procesos de carga, debemos evitar ter os dispositivos conectados durante moitas horas para evitar o seu sobrequecemento, ou controlar que os cables que se empregan estén en condicións de seguridade, especialmente nos extremos dos conectores. Cando haxa que substituílos, cómpre apostar por marcas homologadas.
Tamén debemos evitar expoñer os dispositivos electrónicos ao sol, por exemplo na praia, ou a altas temperaturas como as que poden acadar dentro dos vehículos. Ademais, tamén temos que vixiar posíbeis abultamentos dos dispositivos, que poden indicar un mal estado da batería.
Foto portada: Diario do Támega