Filtrado o Pixel 8a, o irmán pequeno dos recén anunciados Pixel 8 / Pixel 8 Pro

Malia que xa están en prevenda, os Pixel 8 e Pixel 8 Pro de Google saen á venda oficialmente mañá, cun prezo de partida de 799 €, unha cantidade axeitada para un dispositivo desa catería, pero que non está ao alcance de todos os petos. Mais iso non significa que haxa que renunciar a contar cun dispositivo pure Google.

Desde hai uns anos, Google conta coa serie “a”, versións dos Pixel moi semellantes en deseño e que comparten algunhas das súas prestacións cos Pixel estándar, mais cun hardware algo máis medido. Tras o anuncio dos Pixel 8 e Pixel 8 Pro, o Pixel 8a asoma a patiña en forma de filtración, deixando ver o seu deseño de esquinas redondas e un tamaño simbolicamente inferior ao do Pixel 7a.

A filtración tamén amosa a presenza do cristal curvado 2.5D na parte superior do dispositivo, ou a presenza de altofalantes estéreo na inferior. Das especificacións técnicas aínda non hai moita información, máis aló a descubrir que terá 8 GB de memoria RAM e unha versión rebaixada do procesador Google Tensor G3, acompañado coa GPU Mali-G715.

Atendendo ás versións anteriores, o Google Pixel 8a debería saír ao mercado por uns 500-600 euros, aínda que isto está por confirmar, ao igual que a data prevista para o seu lanzamento.

Sobre o autor

Reply