Nokia G42 5G, o móbil que podes reparar ti na casa

Poucos modelos de smartphone hai que sexan tan doados de reparar como para que calquera na súa casa poida intercambiar algúns dos seus compoñentes. Algúns deles son os modelos de Fairphone, a compañía que fabrica teléfonos sostíbeis, que ofrece na súa tenda web acceso ás pezas para reparación.

Agora é Nokia a que se suma ao movemento global “dereito a reparar”, cando menos un novo modelo, o Nokia G42 5G, que destaca por ser económico e o suficientemente doado de arranxar e substituír algúns dos seus compoñentes na nosa casa.

O novo dispositivo está equipado cunha pantalla IPS de 6,56 polgadas, con taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 480+, con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábel mediante tarxetas microSD. A súa batería é de 5.000 mAh de capacidade, con sistema de carga de 20W, e no campo fotográfico temos unha cámara formada por tres sensores, un principal de 50 MP, un de profundidade de 2 MP e outro macro, tamén de 2 MP. Na parte dianteira, o sensor é de 8 MP.

Pero como dicimos, o realmente destacábel é a súa reparabilidade. Para iso, Nokia asociouse con iFixit para poñer a disposición das usuarias non so as compoñentes, senón tamén as ferramentas e as guías para o seu reemprazo. E aínda que se ben é certo que non se poden cambiar todas as pezas, si que permite reparar a pantalla, o porto USB-C, a cuberta ou a batería.

O novo Nokia G42 5G pódese mercar no noso país directamente na web de Nokia, por 229,99 €, estando dispoñíbel en rosa, lilá e gris.

Sobre o autor

Reply