Honor vén de presentar o Honor Magic Vs2, unha revisión do seu dispositivo encartábel, o terceiro que a compañía anuncia neste 2023. Trátase dunha alternativa algo máis económica no portfolio actual do fabricante, pero que malia iso non renuncia a ofrecer melloras respecto aos modelos anteriores, especialmente na pantalla (con maior taxa de refresco) e na cámara (sensor telefoto).
O novo Honor Magic Vs2 conta cunha pantalla principal (interna) LTPO OLED de 7,92 polgadas con resolución 2344 x 2156 píxeles, e outro panel exterior LTPO OLED de 6,43 polgadas, con resolución 2376 x 1060 píxeles. Ambas as dúas pantallas teñen unha taxa dre refresco de 120 Hz.

No interior temos o procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, xunto con versións de 12 e 16 GB de RAM, e de 256 e 512 GB de memoria interna. A súa batería é de 5000 mAh, con carga rápida de 50 W e carga inversa de 5 W, o que permite cargar outros dispositivos pequenos, como accesorios.
A súa cámara principal é unha combinación dun sensor de 50 MP con f/1.9, un gran angular de 12 MP con f/2.2 e un telefoto de 20 MP con f/2.4, mentres que a cámara frontal é de 16 MP, con f/2.2. A conectividade vén dada por 5G, WiFI 6, Bluetooth 5.2 e NFC, e o lector de pegadas dixitais sitúase nun lateral do dispositivo.

Tamén hai novidades no seu deseño, máis lixeiro e menos pesado, cun grosor de 10,7 mm cando está pechado e 5,1 mm cando está aberto, e 229 gramos de peso. A primeira xeración do VS tiña uns grosores de 12,9 mm pechado, 6,1 mm aberto, e un peso de 267 gramos.
Dispoñibilidade e prezo
O novo Honor Magic Vs2 vai estar dispoñíbel, en comezo, unicamente na China, onde se pode adquirir o modelo con 12 + 256 GB por uns 900 € ao cambio, e a versión con 16 GB + 512 GB por uns 1175 € ao cambio.