Telefónica envía á Comisión Europea a súa proposta para que as grandes tecnolóxicas paguen polo tráfico na súa rede

Telefónica, xunto con outros operadores, leva tempo reclamando que as grandes empresas tecnolóxicas, – como por exemplo as plataformas de streaming (Netflix, HBOMax…) – paguen unha cota polo tráfico que xeran na súa rede. A compañía que dirixe Álvarez – Pallete vén de enviar á Comisión Europea a súa proposta definida, dentro da exposición de argumentos (a favor e en contra) que está a recibir a Comisión, de cara a definición da futura Digital Networks Act (DNA), que someterá ás empresas a novas leis para regular o ecosistema de Internet.

A compañía española prevé que o tráfico das redes fixas aumente un 20% anual até o 2030, e un 25% nas redes, principalmente a causa do vídeo. De feito, a operadora estima que cara ese ano o 74% do tráfico fixo, e o 72% do tráfico móbil, estea causado polo streaming de vídeo, incluíndo tanto a reprodución baixo demanda de contidos como as transmisións en tempo real.

Por iso a proposta de Telefónica vai na liña de identificiar anualmente a aquelas empresas responsábeis de máis do 5% do tráfico total da rede nos momentos do día de máxima demanda, na que as usuarias consumen máis, de maneira que a medida afectaría tan só ás grandes empresas responsábeis dese incremento do tráfico.

De prosperar esta proposta na futura Digital Networks Act, obrigaríase ás grandes empresas consumidoras de recursos a negociar cos proveedores de Internet un pago xusto e proporcional, que de non acadarse acordo, debería someterse a un proceso ante a autoridade competente. Telefónica tamén propón que os recursos adquiridos mediante estes pagos das empresas teñan que ser investidos no despregamento e mellora de redes de alta capacidade.

Sobre o autor

Reply