Xiaomi prepara un novo portátil co novo procesador Intel Meteor Lake

Xiaomi está a traballar nun novo portátil para engadir ao seu portfolio, e para levalo adiante está a traballar man a man con Intel. O fabricante de procesadores aínda non presentou o seu novo chipset de maneira oficial, o Meteor Lake, mais a filtración dalgunhas características do novo ordenador de Xiaomi serviu tamén para sacar á luz certas especificacións do chip que prepara Intel.

Unha captura do benchmark orixe da filtración amosa un procesador Intel de 14ª xeración, o Core Ultra 7 155H, equipado con 16 núcleos, seis adicados a rendemento e outros 10 a eficiencia, dando unha puntuación de 1567 para un só núcleo e 8228 puntos en multinúcleo por debaixo do que ofrece o Intel Core i7-13700H (2160 e 12989, respectivamente), pero hai que ter en conta que seguramente non esteamos a falar dun equipo rematado.

Ademais do procesador, a filtración amosa que o novo ordenador de Xiaomi contará con 32 GB de RAM (cando menos nalgunha das súas versións), e Windows 11 como sistema operativo. Porén, o máis seguro é que haxa versións diferentes do mesmo portátil, atendendo tanto á RAM como á memoria interna incluída.

Haberá que agardar aínda un tempo para descubrir cales son as especificacións completas deste novo portátil de Xiaomi, e tamén as características finais da nova xeración de procesadores de Intel, que en breve comezarán a aparecer en toda a nova remesa de ordenadores que se agardan para os próximos meses.

Sobre o autor

Reply