O último de Xiaomi é un tradutor de texto e voz

Todo apunta a que as barreiras ideomáticas teñen os “días” contados. Xa temos visto ferramentas de intelixencia artificial que, dunha maneira moi prematura, son capaces de realizar unha tradución instantánea do que dicimos, mantendo a nosa voz orixinal, do mesmo xeito que tamén existen outro tipo de solucións de tradución, como Google Translate.

A multinacional chinesa Xiaomi vén de presentar o seu novo dispositivo Xiaomi Mijia Dictionary Pen, un trebello con forma de bolígrafo que incorpora unha pequena pantalla, e que dispón dun escáner asistido por láser capaz de capturar texto para realizar unha tradución instantánea do que captura, como se fose un subliñador. Ademais de realizar a tradución, o novo dispositivo de Xiaomi permite exportar o texto escaneado e traducido a diferentes aplicacións, co fin de poder editar ou imprimir o texto.

O dispositivo tamén conta con varios micrófonos e un sistema de redución de ruído baseado en intelixencia artificial, grazas ao cal tamén podemos gravar conversas e ir vendo a tradución directamente na pantalla.

Das súas especificacións técnicas destaca a presenza dunha cámara de 8MP, que permite escanear parágrafos enteiros para visualizar a súa tradución, e tamén de Bluetooth, co cal podemos conectalo a uns auriculares sen fíos, nos que escoitar a tradución en forma de son.

Entre os idiomas incluídos para estas traducións están o chinés, o inglés, o alemán, o francés e o español, cunha taxa de éxito de lectura que a compañía cifra nun 99% no recoñecemento OCR nos idiomas chinés e inglés.

O Xiaomi Mijia Dictionary Pen pódese mercar por uns 90 euros ao cambio na China. Porén, polo de agora non está confirmada a súa distribución de xeito global.

Sobre o autor

Reply