Starlink, a compañía de conectividade satélite de Elon Musk, anunciou esta semana que a partir do próximo ano levará a conectividade satélite aos nosos móbiles, a través do LTE (4G), o que supón un gran avance, xa que permitirá comunicarse desde calquera punto do planeta sen ter que contar con dispositivos diferentes aos que xa usamos no noso día a día.
Isto é grazas á tecnoloxía Direct to Cell, que fai que non sexa necesario adoptar equipamento adicional para o seu funcinamento, xa que os propios satélites da compañía serán as antenas de cobertura LTE, o que facilita a súa universalización.
A nivel das usuarias, será como empregar un operador de telefonía tradicional, dispoñíbel sempre que haxa visibilidade co ceo, e conectándose os nosos móbiles de maneira semellante a como o fan cando viaxamos ao extranxeiro, en roaming.
Dispoñibilidade e prezo
Starlink avanzou que este servizo comezará a funcionar de maneira comercial no 2024, para mensaxes de textos, e no 2025 para datos e voz, ademais de dispositivos IoT, pero non adiantou o prezo que terá dito servizo.
O que si avanzou é que traballará con diferentes operadores para interconectar as redes e, imaxinamos, poder ofrecer plans conxuntos.