Aínda queda bastante para o anuncio e presentación oficial da serie Galaxy S244 de Samsung, prevista para comezos do próximo ano, pero as filtracións comezan a chegar, ofrecendo un adianto das novidades que podemos agardar, entre elas os cambios nas pantallas.
O primeiro cambio significativo, que coñecemos hai unhas semanas, é que os tres modelos da serie (Galaxy S24, S24 Plus e S24 Ultra) montarían paneis sen curvatura, mais agora tamén sabemos que o fabricante surcoreano apostaría por levar a máxima calidade aos tres dispositivos, e non unicamente á versión Ultra, como viña sendo habitual.
Segundo estas informacións, toda a serie Galaxy S24 contaría con pantallas LTPO con 2500 nits de pico de brillo, o que fai que sexan axeitados para reproducir contido en HDR, pero ademais tamén teñen unha mellor xestión enerxética, consumindo menos batería.
Con anterioridade tamén foi desvelado o deseño dos tres modelos, e no tempo que queda seguramente cheguemos a ter información completa da que será a gran aposta de Samsung para 2024, con permiso da serie de teléfonos encartábeis.