Máis de 6,1M de liñas activas posicionan a Vodafone como líder na Internet das Cousas (IoT)

Vodafone vén de sumar no último ano 1,7 millóns de novas liñas da Internet das Cousas (IoT), superando a finais de setembro as 6.138.000 liñas, unhas cifras que posicionan á compañía como líder deste segmento, no que conta cunha cota de mercado que xa supera o 41,9% no Estado español, un 11,7% máis ca o competidor máis inmediato.

Na actualidade, a compañía aposta pola integración da tecnoloxía IoT en sectores como a seguridade e as alarmas conectadas, as enerxías renovábeis, a agricultura, a xestión de Smart Cities, a xestión de refugallos ou a xestión integral das augas.

Vodafone saca peito e presume da súa Plataforma IoT, que conta cunha interface intuitiva e un conxunto de ferramentas de desenvolvemento que permiten crear aplicacións IoT na súa rede. Ademáis, o catálogo API incorporado, facilita a integración con aplicacións de terceiros, como plataformas de análise e sinxelas ferramentas de xestión de dispositivos, o que permite ás usuarias empresariais xestionar e optimizar o rendemento dos dispositivos de forma remota.

Medidas contra a violencia de xénero e outros servizos

Estes servizos de IoT están presentes en tecnoloxías como a xestión do servizo integral do sistema de seguimento por medios telemáticos do cumprimento das medidas cautelares e penas de prohibición de aproximación en materia de violencia de xénero e sexual, do que Vodafone resultou adxudicatario, así como tamén do sistema de prevención de incendios forestais do que falamos hai uns días, ou diferentes proxectos de mobilidade sostíbel que Vodafone está a probar en Rota.

Economía das Cousas

Vodafone prevé que a Internet das Cousas (IoT) avance cara a Economía das Cousas (EoT), estimando que uns 3.300 millóns de dispositivos conectados comercializarán directamente entre si no 2030, de forma independente e segura.

A Economía das Cousas permite que vehículos, dispositivos e máquinas poidan interactuar e realizar transaccións entre si a través dunha plataforma dixital segura, que representará máis do 10% do mercado global da Internet das Cousas (IoT).

Sobre o autor

No Responses

Reply