O creador de Facebook e dono de WhatsApp, Mark Zuckerberg, vén de anunciar algo que moitas usuarias estaban a reclamar desde hai moitos anos: a posibilidade de empregar dúas contas de WhatsApp no mesmo móbil, e na mesma aplicación.
Até o de agora, empregar dúas contas de WhatsApp no mesmo dispositivo implicaba ou ben instalar a versión estándar xunto coa profesional, ou ben clonar a aplicación, algo que permiten algúns fabricantes e que tamén é posíbel grazas a aplicacións de terceiros.
Porén, o anuncio de Zuckerberg supón un importante paso adiante en canto á experiencia de usuario, xa que o cambio entre contas será tan sinxelo como é facelo, por exemplo, entre contas da aplicación de Gmail ou X. Ademáis, cada conta pode ter os axustes de privacidade e notificacións configurados de diferente xeito, permitindo mesmo silenciar unha delas (por exemplo, fóra do horario laboral).
A aparición desta nova funcionalidade será paulatina, e a configuración tan sinxela como acceder aos axustes de WhatsApp, e seleccionar “Engadir unha conta”, xunto ao nome de usuario.
Audios que só se reproducen unha vez
A esta novidade anunciada por Zuckerberg súmase a recente inclusión na versión beta dos audios que se poden configurar para ser escoitados unha soa vez, de maneira semellante ao que xa acontece coas fotos, e que supón un paso adiante na privacidade das nosas comunicacións.
![](https://mallandonoandroid.gal/wp-content/uploads/2023/10/audio-whatsapp.png)